“A importancia do Museo da Natureza merece máis atención do Concello”

“A importancia do Museo da Natureza merece máis atención do Concello”
joám luis ferreiro biologo barallobre

O vindeiro día 27 os socios da delegación local da Sociedade Galega de Historia Natural están chamados a participar na asemblea na que se renovará a súa xunta directiva, presidida nos últimos catro anos polo biólogo Joám Luís Ferreiro Caramés.

Que valoración fai destes catro anos como delegado?
Na primeira etapa aínda estabamos no antigo Hospicio, coa Casa do Coronel en obras, e na segunda trasladámonos ao noso emprazamento actual, a medio transformar aínda porque, malia as promesas do Concello, temos o tellado sen rematar. Unha á témola lista e na outra están traballando os compañeiros. O Museo da Natureza vai funcionando; porén, pensamos que tendo en conta a súa importancia –é o que máis fondos ten en Galiza– merecería un pouco máis de atención por parte do Concello. Non digo que non a haxa, porque si a hai e, de feito, se estamos abertos é grazas a unha subvención do Concello, pero penso que se podía facer máis. Agora imos recibir unha axuda importante da Deputación para poder montar o esquelete dunha balea azul. O problema é que non deixan de ser cabos puntuais, non hai unha continuidade, e Ferrol, en todos os aspectos, merece algo máis.

Como é a saúde da SGHN a nivel de socios, participación...?
Máis ou menos seguimos igual. Si é verdade que a participación é menor do que a min me gustaría, non só en traballo e actos reivindicativos. A nosa idea é que a SGHN ten que ser algo vivo e con actividade, compartir coñecementos a través de xornadas, saídas ao medio... Dar máis amplitude á nosa actividade. O problema é que quen estamos aí temos os nosos traballos e podemos adicarlle menos tempo do que nos gustaría.

Hai algo máis de corenta anos que se fundou a SGHN e nela Ferrol sempre tivo un peso específico. Manteno?
Ferrol ten a metade dos socios da SGHN. A sede central está en Compostela a efectos de comodidade para o resto das delegacións, pero tanto o vicepresidente como o secretario son tamén ferroláns, o Museo está aquí, a maior parte  dos fondos da biblioteca tamén... Aínda que noutros sitios teñan máis actividades, o recoñecemento da SGHN por parte da cidadanía de Ferrol está moi estendido.

Que vai pasar o día 27?
A idea é renovar, que entre xente nova, pois do que se trata é de que vaia pasando todo o mundo. O problema é que nesta altura non hai aínda ningunha candidatura...

No que respecta á ría, a desmobilización do sector marisqueiro nos últimos tempos ten que ver cos avanzos no saneamento da ría, a alternativa para o marisco das zonas C...?
Non ten que ver. É certo que houbo remudas nos cargos directivos das confrarías, pero creo  que o problema é que os mariscadores pasaron de vivir  a sobrevivir, algúns deles en condicións moi difíciles, e estalles ocorrendo o mesmo ca o resto da sociedade: ante unha situación de crise pode máis o medo... Moitos deles a penas chegan a final de mes, a batea representou unha ruína para moita xente, que depende agora de familiares ou de pequenos choios por fóra para sobrevivir.

No último ano e medio houbo unha mellora microbiolóxica da zona intermedia da ría e das Pías. Como se explica se as depuradoras de augas residuais non entraron en funcionamento?
O GAL 03/07 (pola banda de Fene desde Maniños cara a Astano, sen tocar As Pías) pasou de B estacional a B estable. Mellorou? Non exactamente, pois esa zona sempre estivo no límite entre B e C e ségueo estando. Nas Pías fíxose unha subdivisión: todo depende de onde se estableza o punto de mostraxe, é dicir, non é o mesmo na parte de Maniños que na de Caranza. Ademais, o deterioro dos bancos avanza porque se interromperon os traballos de rexeneración.

A conselleira sostén que proximamente –nuns anos– practicamente toda a ría será B. Concorda?
Agora mesmo a maior parte da ría é zona B. O problema é que parte da ría: éo onde están as zonas produtivas? Non. Estas están maioritariamente en zona C. De pouco lles vale aos mariscadores que a parte externa se clasifique como A porque a porcentaxe de marisco que hai con respecto ao total da ría é moi baixa. En Fene e Mugardos segue sen funcionar a depuradora por un problema de conexión eléctrica; en Ferrol, a maior parte da poboación –Ensanches e Caranza– non o estará até finais do ano que vén.

Cando poderá percibirse unha mellora real da calidade das augas?
Co sistema deseñado, cos tanques de tempestades e a mestura das augas pluviais e as residuais, se chove moito, como neste último mes, verteríase á ría todos os días porque o deseño actual non ten capacidade para acumular tales volumes nin a estación de bombeo para enviar á depuradora. Temos un sistema que pode depurar as augas residuais de Ferrol, pero non todas as augas –incluídas as pluviais– cando chove cunha intensidade media-alta. Así é difícil que se poida recuperar un banco marisqueiro, co agravante da contaminación acumulada. O exemplo témolo no Burgo: non hai vertidos pero segue sen mellorar por todo o que está acumulado no fondo.

En canto tempo será zona A?
Iso é imposible co sistema que se está executando. Mesmo o director de Augas de Galicia di que seu obxectivo é que a ría sexa B. Comprendo que é difícil a división de pluviais e fecais pero ninguén di que se faga agora; porén, si se pode deseñar un proxecto que no futuro sexa susceptíbel de asimilar esa separación. n

“A importancia do Museo da Natureza merece máis atención do Concello”

Te puede interesar