A mostra “O oceáno que nos une” pon en valor a historia mariñeira da vila mugardesa

Mugardos Centro de Interpretación Caldoval Inauguración exposición O océano que nos une
|

A mostra itinerante “O oceáno que nos une” desembarcou onte no Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos, para achegar ao público os aspectos máis salientables dos centros adheridos á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), entre os que desde finais de 2018 se inclúe a instalación mugardesa. Aquí permanecerá aberta ata o vindeiro 6 de outubro.

O horario das visitas será de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas de martes a domingos ata o 30 de setembro e a partir do 1 de outubro de venres a domingo.

O acto de inauguración celebrado onte contou coa participación de representantes do Concello de Mugardos, así como do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte. 

María Antonia Fernández foi a encargada de realizar a presentación técnica da exposición, explicando os avances desenvolvidos ata o momento en Morada Atlántica, un proxecto colaborativo dos oito GALP de Galicia.

Técnico
Leo González, técnico de xestión do Centro de Interpretación de Caldoval, explicou a natureza deste espazo mugardés. “O que se pode ver agora no centro é unha parte da exposición permanente, xunto co funcionamento dos baños, así como as ruínas que foron trasladadas desde o seu emprazamento orixinal”, apuntou.

González ofreceu un percorrido guiado polos paneis da exposición, onde salientou dous elementos que forman parte do museo: a agulla de redes, testemuña das actividades pesqueiras da zona, e a ánfora romana.

Lembrou así mesmo que no centro teñen lugar unha gran variedade de actividades, todas gratuítas.
Trala súa estancia en Mugardos, a mostra volverá á Costa da Morte para rematar o seu percorrido polo litoral galego.

En concreto, do 10 ao 20 de outubro estará no Museo Man en Camelle (Camariñas) e do 24 de outubro ao 3 de novembro no Centro Cívico de Malpica, en representación do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño.

A mostra “O oceáno que nos une” pon en valor a historia mariñeira da vila mugardesa