Primeiras normas e obxectivos (IV)

Cabeceiro do boletín das Irmandades A Nosa Terra
|

Os Estatutos das Irmandades –recollidos nas dez páxinas mecanografadas en cuarto, asinados, na Coruña a 18 de maio de 1916, por Antón Villar Ponte e Robustiano Faginas– constan de 12 artigos, numerados en romanos, distribuídos en 5 títulos sen numeración: “Objeto y fines”, “De los socios”, “Juntas Generales”, “Del consejo” e “Disposiciones generales”.
O I, dividido en 6 apartados -do a ao f, minúsculos-, comeza, como é lóxico, explicitando o nome da sociedade: “Os Amigos da Fala Gallega”. A continuación cada un destes apartados recolle cadanseu obxecto e finalidade relacionado co idioma. O a), que di, textualmente, “Hablar entre los asociados el idioma gallego, despertando hacia él la afición y el amor de los hijos de Galicia”, parece reflectir con claridade cal viña sendo a situación do galego, cando menos na cidade da Coruña, nesa altura. Reparemos en que só regulamenta a utilización do galego entre os asociados, persoas á que se lles requería, nada máis e nada menos, que “haber nacido o ser oriundo de Galicia, tener quince años de edad, por lo menos, y prometer solemnemente el cumplimiento de los fines de esta asociación” (art. II), ademais de teren que ser admitidos “por votación secreta entre el Consejo” (art. III).
O apartado b): “Trabajar por todos los medios para conseguir que los periódicos gallegos dediquen una sección en la cual los escritores que cultivan este idioma puedan dar a conocer sus producciones, y laborar asimismo en el sentido de que los aficionados y amantes de esta lengua dispongan de un periódico quincenal, por lo menos”, xunta dúas vellas aspiracións do galeguismo desde case os seus inicios. Sobre a primeira delas, a de que a prensa periódica que se editaba en Galicia dedicase espazos a recoller producións en galego, xa fixera bastante fincapé o poeta e xornalista ourensán Valentín Lamas Carvajal no último terzo do século XIX. Lamas consideraba este aspecto primordial para que o idioma do país puidese avanzar, ir máis aló do ámbito oral familiar e da escrita literaria. O propio Lamas, foi tamén abandeirado das publicacións periódicas en galego. E non ficou no simple reclamo ou declaración de principios senón que o 7 de febreiro de 1876 botou á rúa o “Primeiro Parrafeo” d’ O Tio Marcos d’a Portela. Parrafeos c’o pobo gallego, cunha periodicidade quincenal, que, ao pouco, se convertiría en semanal. Catro décadas antes de que as Irmandades transformasen en realidade os desexos expresados nos Estatutos. Así, o 14 de novembro de 1916 viu a luz, como boletín decenal, o primeiro número de A Nosa Terra. Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’ América e Portugal, con periodicidade semanal, que cambiou (a semanal ou mensual) nos case 20 anos en que se editou.
Os fundadores e redactores dos Estatutos eran conscientes dunha situación que aínda hoxe se mantén en amplos sectores da sociedade galega: que a xente de certa idade foi, moito ou pouco, escolarizada en español e, consecuentemente, se mostra insegura ou incapaz de escribir en galego. É por iso que no apartado c) recollen que hai que “Acostumbrar a los asociados a escribir en nuestro idioma”, falando tamén da posibilidade de organizar festas societarias onde se lesen e mesmo se premiasen traballos publicados en galego. A honra consistiría no nomeamento de “Mestre da Fala” Curiosamente non se fala de Mestras.
Os outros fins recollidos estatutariamente tiñan menos que ver coa fala, como as “excursiones al campo, para fomentar el amor a éste”, como o “fomento de la música tradicional y propia de nuestra tierra” ou como as visitas de cabodano ás tumbas dos “grandes cultivadores del idioma gallego que hayan recibido sepultura en esta ciudad”.
O recollido no artigo IV, relativo á cota de asociación, “La cuota será de una peseta por trimestre”, pode darnos idea do tipo de persoas que formarían parte da Irmandade. A título algo orientativo, pensemos en que 1 peseta era o que custaba unha subscrición trimestral ao diario ferrolán da altura El Correo Gallego. Avancemos tamén que “os da peseta” chegou a usarse, en casos de liortas internas, como alusión, un tanto despectiva, aos irmandiños da Coruña.
O Goberno e dirección correspondíanlle ao Consello, que, segundo o artigo VI, conformábano seis socios “Consejero 1º, Consejero 2º, Secretario, Tesorero y dos Vocales”, que “se renovarán por mitad cada año, quedando establecido el orden para la renovación sucesiva por el primer sorteo. Podrán ser reelegidos para los mismos o distintos cargos” (art. VII).
Nas xuntas ordinarias anuais era cando se debía proceder ás eleccións e reeleccións. Un funcionamento plenamente democrático.
Á vista de todo o exposto, seméllame que o que foron as Irmandades na súa orixe non coincide en moito coa idea que hoxe temos da organización nacionalista. O importante, xa se sabe, non é como as cousas empezan senón como acaban.

Primeiras normas e obxectivos (IV)