Continúa a actividade na Feira do libro de Ferrol con sinaturas e presentacións de libros, a maioría a cargo de autores locais. Así, onte o narrador ferrolán Xesús Constela deu a coñecer a súa última aposta narrativa, “Apoteose das perchas” (Edicións Embora), unha novela breve con elementos humorísticos e detectivescos. O escritor, gañador do Premio Torrente Ballester, reivindicou nun diálogo co xornalista de Diario de Ferrol Nicolás Vidal “a literatura como divertimento”, aínda que, asegurou “o sinxelo non ten por que estar afastado da profundidade ou calidade. Fole, Cunqueiro, Auster, Baroja ou tantos outros dan fe disto”.
A xornada de onte contou tamén coa visita do poliédrico artista Xurxo Souto, quen levou a cabo unha performance sobre o seu libro “Contos de Irlanda”, baixo a denominación de “Océano para terrícolas”. Tamén asinaron exemplares dos seus traballos as escritoras Pilar Berrio e Fusa Guillén.
programa para hoxe
Hoxe a actividade ao redor das casetas da Feira comeza ás 12.00 horas coa presentación do novo traballo de investigación da profesora Rosa Cal, “Informes varios de los sucesos en Ferrol. 10 de marzo de 1972”, que estará acompañada pola historiadora Manuela Santalla. Ás 13.00 horas o novelista ferrolán Juan Pablo Rodríguez, acompañado por Fernando Ocampo, presenta o seu primero traballo, “Los manuscritos de París”.
Ás 18.00 horas Pablo Núñez asinará exemplares de “Las hijas de César”, mentres á mesma hora Trécola Teatro representa o espectáculo de contacontos “Exploradoras”. A naronesa Paula Merlán estará ás 18.30 horas na caseta da librería Day asinando exemplares do seu traballo “Las bolsitas de la señorita T”. Concha Blanco presentará ás 19.00 horas a súa nova obra, “O balcón do meu universo”. Ás 19.30 horas compartirán sinatura Sonia Mirón, con “Si tú quieres”, e Nieves Abarca.
Tamén coincide ás 20.00 horas a presentación do libro “PJ, cómo alcanzar el éxito”, dos ferroláns José Luis Casteleiro e Miguel García Seoane e a sinatura de, novamente Concha Blanco, neste caso do seu libro infantil “A pantufla de Celia”.
O domingo será a xornada final da feira e haberá alternancia de literatura e diversos obradoiros gastronómicos, de cociña con algas e de elaboración de gominolas naturais, ambos a cargo de Carmen Freire. Ás 12.00 horas celebrarase unha variada proposta protagonizada polo escritor Antón Cortizas e os seus textos. Asemade, Henrique Dacosta asinará exemplares dos seus libros ás 12.30 horas e haberá varias actividades ao redor do mundo do xadrez.