O Real Coro Toxos e Froles comeza o venres os actos ao redor do seu primeiro centenario

Jofre Real Coro Toxos e Froles
|

O centenario do Real Coro Toxos e Froles, decano de Galicia, xa está aquí. Así, este venres ás 20.30 horas no 1°andar do local social da rúa Magdalena vaise levar a cabo a primeira das súas actividades de conmemoración destes cen anos. Trátase dunha xornada de irmanamento á que están convidados a participar os socios, coristas actuais e a todas aquelas persoas que nalgún momento da súa vida formaron parte dalgunha das distintas seccións do Toxos nos 100 anos que a entidade que preside Arturo Lamas está a piques de celebrar neste ano 2015.

chamamento
No evento, no que tamén participará o alcalde Rey Varela, presentarase o programa de actividades que o Toxos vai levar a cabo ao longo deste ano para a celebración do seu esperado primeiro centenario.
Segundo os seus responsables dita programación buscará “que toda a cidadanía de Ferrol participe da ledicia que supón para a nosa entidade o feito de cumprir 100 anos de actividade ininterrumpida. Que tanto o Toxos e Froles coma Ferrol salienten a súa importancia dentro da cultura galega e reclamen o papel que lles corresponden como pioneiros e conservadores da nosa identidade”.
Dende o Real Coro “Toxos e Froles” queren facer un chamamento a todos os homes e mulleres que participaron desta agrupación nalgún momento da súa vida a que asistan o venres a esta primeira xornada de celebración do centenario.
“Tanto os que agora estamos, coma os que estiveron, son os artífices de que o Real Coro “Toxos e Froles” leve 100 anos traballandoa prol da cultura galega”, salientan desde a entidade da rúa Magdalena.

O Real Coro Toxos e Froles comeza o venres os actos ao redor do seu primeiro centenario