Un ciclo dedicado a Sam Peckinpah súmase á oferta audiovisual da cidade

Un ciclo dedicado a Sam Peckinpah súmase á oferta audiovisual da cidade
Copia de DDD

A oferta audiovisual na cidade increméntase durante este mes cun novo ciclo organizado pola asociación veciñal de Esteiro no Dúplex e dedicado ó realizador Sam Peckinpah. Súmase ó que se leva adiante nestas mesmas salas os mércores, organizado polo Concello de Ferrol, e que ten como protagonista ó actor Al Pacino. Ademais, no Ateneo Ferrolán, os martes continúan as proxeccións de películas dirixidas por mulleres. En tódolos casos son proxeccións gratuítas que permiten ós espectadores ver filmes que están fóra do circuíto comercial en grandes pantallas, na súa versión orixinal.
O estadounidense Sam Peckinpah é un dos grandes directores da historia do cine, recoñecido por títulos como “Grupo salvaxe”, “Cans de palla” ou “Pat Garrett e Billy o neno”, entre moitos outros, e pola súa particular aportación ó xenero do Western e ó retrato da violencia. O ciclo, organizado pola asociación veciñal de Esteiro, coa colaboración do Concello de Ferrol e da Deputación da Coruña, comezou o xoves con “Duelo na Alta Serra” e ten esta semana como eixe “A balada de Cable Hogue”. Proxectarase ás 20.30 horas, en versión orixinal e con entrada de balde. O filme, de 1970, está protagonizado por Jason Robards e por Stella Stevens e presenta ó explorador Cable Hogue, abandonado no deserto.
O xoves 24 verase “Pat Garrett e Billy o Neno” e para o remate desta proposta, o xoves 31, está prevista a proxección de “Quero a cabeza de Alfredo García”.
Nos Dúplex continuará durante os meses de outubro e de novembro o ciclo dedicado ó actor Al Pacino, que promove o Concello de Ferrol. As proxeccións son os mércores, tamén ás 20.30 horas, igualmente gratuítas e en versión orixinal subtitulada. Despois de ver “Donnie Brasco” e “El dilema”, esta semana é a quenda de “Looking for Richard”, filme de 1996. Neste caso Pacino, ademais de protagonista, é o director dunha película que traslada á gran pantalla o “Ricardo III” de Shakespeare. En vindeiras semanas proxectarase “A proba”, “O precio do poder”, “Esencia de muller” e as tres partes de “O padriño”.

Un ciclo dedicado a Sam Peckinpah súmase á oferta audiovisual da cidade

Te puede interesar