O censo electoral nas confrarías caeu case un 10% desde a última convocatoria

O censo electoral nas confrarías caeu case un 10% desde a última convocatoria
Elección del Patrón Mayor de la Cofradía de Pescadores de Ferrol

Os 494 socios que teñen nestes intres os tres pósitos da ría –Ferrol, Barallobre e Mugardos– están chamados a participar nas eleccións para a renovación dos cargos reitores das confrarías de pescadores de Galicia que terán lugar o sábado 28 de xuño.
O Diario Oficial de Galicia publicou onte a data dos comicios, que por vez primeira se celebrarán simultaneamente nas 63 agrupacións do país. A Lei de Pesca aprobada polo Parlamento autonómico en decembro de 2009, uns meses despois da chegada á Xunta do Partido Popular incluía a suspensión provisional dos procesos electorais co gallo de unificalos. Isto motivou que se esgotasen os mandatos en todas as confrarías, tamén nas da ría de Ferrol, o que nalgúns casos provocou conflitos e denuncias pola prolongación excesiva dos mesmos.
O número de electores é nos pósitos da ría menor que nas últimas convocatorias, celebradas por separado. En concreto, medio cento menos, aínda que o descenso non é liñal.

oito anos
O caso máis chamativo é o de Mugardos. No ano 2006 tiveron lugar as últimas votacións na confraría. Daquela tiñan dereito a sufraxio 82 mariscadoras a pé; hoxe son só 60. De feito, no ano 2012, a Consellería do Medio Rural e do Mar convocou, atendendo á petición do propio pósito, 15 novos permisos de explotación que, porén, nunca se chegaron a asignar na súa totalidade. Hai uns días, o pasado 21 de abril, o departamento que dirixe Rosa Quintana anunciaba a  convocatoria doutros catro carnés.
En Ferrol pasouse de 311 electores en 2009 –ano no que foi elixido José Luis Estévez– aos 280 (aínda por confirmar) actuais. Este descenso trae aparellada unha redución no número de membros da xunta xeral, que pasará de 22 a 20.
A situación de Barallobre é excepcional. Hai sete anos, 2007, tiña 151 socios, tres menos que agora. Neste caso o proceso selectivo para cubrir 12 novas prazas iniciado tamén en 2012 si foi un éxito, como proba que a demanda foi moi elevada, con perto dun cento de solicitudes.
Esta mesma semana, os cabidos terán que enviar á xunta e mais á comisión electorais o censo provisional.

O censo electoral nas confrarías caeu case un 10% desde a última convocatoria

Te puede interesar