Reportaxe | O “coworking” de Ferrolterra impulsa 21 novos plans de negocio innovadores para toda a comarca

Reportaxe | O “coworking” de Ferrolterra impulsa 21 novos plans de negocio innovadores para toda a comarca
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-6f68d4b8

A sede do CIS Galicia acolle a terceira convocatoria do  “coworking” de Ferrolterra, unha iniciativa a través da que 26 emprendedores están a formarse para acelerar a posta en marcha de 21 proxectos empresariais, que se unirán aos máis de 40 que se desenvolveron nas dúas anteriores edicións deste programa. Os emprendedores están a recibir formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades para madurar as súas ideas de negocio. 
Nas dúas primeiras edicións do “coworking” ferrolán foron apoiados máis de 40 proxectos de novas empresas que recibiron asesoramento personalizado e  puideron coñecer os instrumentos de apoio que a Xunta de Galicia pon a disposición das novas empresas para facilitar a súa posta en marcha, consolidación temperá e internacionalización. Agora, nesta terceira convocatoria, os promotores das 21 iniciativas seleccionadas están desenvolvendo, entre outros, proxectos de impresión 3D, de servizos apoiados nas TIC ou de turismo.

Consolidación
Este espazo “coworking” realízase grazas á colaboración da Administración autonómica coa Escuela de Organización Industrial (EOI), unha cooperación que xa ten permitido consolidar en toda Galicia 295 proxectos promovidos por 364 emprendedores galegos. Nesta nova convocatoria, que na actualidade se encontra en marcha, estanse a desenvolver 124 proxectos de 146 emprendedores. 
Ao espazo de Ferrolterra súmanse os de Santiago, A Ribeira Sacra, A Mariña lucense, A Costa da Morte, Celanova-Terras da Limia, Ourense (no CIS Madeira) e o do Salnés. 
Estas iniciativas contribúen a dinamizar a economía e o emprego dos concellos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades e fixar poboación. Deste xeito, estes espazos xeran o clima de confianza necesario para poñer en marcha un negocio á vez que se fomenta o traballo colaborativo. 
Os emprendedores e os autónomos son un dos motores principais da economía galega que está a xogar un papel destacado na consolidación da recuperación económica. Por iso, a Administración autonómica está a impulsar medidas que favorezan o emprendemento. 

Apoio ao emprendemento
Deste xeito, ademais de facilitar formación e asesoramento especializado a través de iniciativas como a rede de espazos  “coworking”, ofrécelles aos emprendedores, a través do Igape, servizos como a Rede Galega de Mentores, e instrumentos de apoio que inclúen as axudas reguladas mediante programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, os novos préstamos directos do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco.

Galicia Emprende
A nova convocatoria de axudas do programa Galicia Emprende xa está activa. Os emprendedores e autónomos interesados en solicitar os apoios este ano poderán facelo en calquera das dúas convocatorias sucesivas: ata o 27 de xullo e do 30 de xullo ao 25 de outubro. Poden acollerse proxectos promovidos en Galicia, tanto de nova creación como de consolidación de empresas durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento. 

Estimular o tecido empresarial
A través desta actuación preténdese achegar axudas por valor de 3 millóns de euros coas que se prevé impulsar 80 proxectos de autónomos e emprendedores, xerando investimentos por 11 millóns de euros.
Esta liña de apoio ao emprendemento, desenvolta polo Xunta e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes. 
O importe dos investimentos apoiados está comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros e as axudas concedidas poderán cubrir ata o 30% dos mesmos no caso das pequenas empresas e ata o 20% no das medianas.
Co mesmo obxectivo, pero focalizando a acción no ámbito rural, a Xunta vén desenvolvendo o programa Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. O orzamento destinado ao emprendemento en 2018 ao abeiro de ambos os dous programas suma, como no ano anterior, 7,5 millóns de euros. 
A través destas iniciativas, durante o exercicio anterior, o Goberno galego apoiou 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo.

Reportaxe | O “coworking” de Ferrolterra impulsa 21 novos plans de negocio innovadores para toda a comarca

Te puede interesar