Xornada de portas abertas no CEIP Recimil coa implicación de diferentes entidades do barrio

Xornada de portas abertas no CEIP Recimil coa implicación de diferentes entidades do barrio
Alumnos en ludoteca en Colegio Recimil Vanesa Cebreiro

Como na práctica totalidade dos centros educativos da cidade ante o inicio do proceso de admisió de alumnado para o vindeiro curso, tamén o CEIP Recimil celebrará unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o seu proxecto educativo, servizos e instalacións, a todas as familias interesadas.
Neste caso, a actividade –organizada todos os cursos– verase potenciada pola participación do centro no Programa Socio-comunitario impulsado polo Concello de Ferrol, a través da área de Benestar dirixida por Beatriz Sestayo. Deste xeito, a xornada de portas abertas contará, segundo se informou desde o goberno local, coa implicación de entidades culturais e sociais do barrio, co obxectivo de poñer en valor o centro e o seu traballo educativo na zona.
A actividade enmarcarase así no programa denominado “Recimil en positivo”, que inclúe varias accións encamiñadas a salientar “o potencial enorme e a valía deste céntrico barrio”, informan desde Benestar.
Nesta  iniciativa –prevista para esta tarde, a partir das 16.30 horas e aberta a todas as persoas interesadas– o tecido asociativo amosará o seu apoio ao ámbito educativo, para “reforzar e visualizar a gran relevancia do colexio no barrio”.  A xornada contará coa presenza da dirección do centro, profesorado do mesmo e representantes da ANPA, que amosarán aos asistentes os recursos dos que dispón o CEIP.
Nesta xornada, e no marco do devandito program Socio-comunitario, xestionouse a colaboración do tecido asociativo, polo que, segundo o propio Concello, está previsto que colaboren a Asociación de Veciños El Pilar; a a de Mulleres; San Fernando; o IES Sofía Casanova, incluída a ANPA; o CIFP Ferrolterra; Dios y Pan; Arraigo; e Geriatros Ferrol, entre outros. 
Tamén se fixo un chamamento ás garderías da zona para que acudan as familias que estean interesadas.
Trátase, salientouse desde Benestar, de amosar o apoio á grande labor educativa que se está a desenvolver no colexio, “facendo forza todos e todas e achegando os primeiros grans de area para acadar un barrio de Recimil en positivo”.
Segundo as mesmas fontes, esta será a primeira vez que a xornada de portas abertas no devandito colexio conte coa implicación das devanditas asociacións.
No programa previsto para esta tarde farase un percorrido polas diferentes dependencias do centro mais tamén polos proxectos educativos que se están a desenvolver.

aulas de familia
Tamén no marco do programa Socio-comunitario, o CEIP Recimil continúa co proxecto Aulas de Familia, que desde a súa posta en marcha o pasado mes, conseguiu duplicar o número de participantes, acadando a decena. Este programa pioneiro comezará a funcionar en breve tamén no CEIP San Xoán de Filgueira.

Xornada de portas abertas no CEIP Recimil coa implicación de diferentes entidades do barrio

Te puede interesar