“Nos libros acabo recorrendo ao territorio da miña infancia, un Pontedeume disfrazado”

Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-6b033732
|

Antonio Manuel Fraga Allegue (Pontedeume, 1976) irrompeu na literatura galega con “Xildas” (Sushi Books) e “O Castañeiro de abril”(Xerais) no ano 2013 e, logo dun tempo de traballo quedo, achega de repente catro obras. “O grilo máxico”, a favor da asociación Berce e que se editou a través de micromecenado a finais de 2015; “Querido H.P. Lovecraft”, co que gañou o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica e que publicará en febreiro Urco Editora; “Tártarus”, que editará Xerais tamén no mes de febreiro; e “O Capitán Maimiño”, que verá a luz con Tambre-Edelvives na vindeira primavera.

Desde O Castañeiro de abril, que foi Premio Merlín en 2013, non tiñas libro novo e agora de repente atopámonos con catro á vista. Que pasou?
Pois pasou que os tempos de escrita non transcorren no mesmo plano que os de publicación. Eu non deixei de escribir desde o 2013. Conseguín imporme unha disciplina froito da cal fun finalizando varios traballos, algúns dos cales agromarán agora ante o público. O ideal sería que non aparecesen tan de repente, en avalancha, mais hai que adaptarse a estas circunstancias que non podes controlar.
 
Con Querido H.P. Lovecraft gañaches o I Premio Antón Risco de Literatura fantástica. Que é esta novela? Ten relación co resto dos teus traballos, hai algún nexo con eles?
Pois a novela é unha homenaxe a un autor referencial, como é Lovecraft, que ten unha presenza moi directa na historia. É tamén o meu primeiro achegamento á ficción adulta, que fago dentro dun xénero, o terror de estilo lovecraftiano, que posúe uns marcos conceptuais moi definidos. Partindo do suicidio do escritor Robert E. Howard, creador de personaxes tan recoñecíbeis como Conan, Kull de Atlantis ou Solomon Kane, entretecín unha trama onde mesturei a súa historia persoal con elementos fantásticos. O proceso resultou interesante e estou altamente satisfeito co resultado. 
A fantasía é, con seguridade, o nexo entre Querido H.P. Lovecraft e o resto do meu traballo. 

O grilo máxico foi unha colaboración coa asociación Berce de acollida de nenos na que son protagonistas dous deses rapaces, así como unha presenza máxica que semella ser unha constante nos teus libros.
Pois si, é certo. Como lector gusto do fantástico, mais non son un seareiro absoluto dese xénero. Non obstante, como autor acabo caendo unha e outra vez nese territorio. Non é algo meditado nin que faga adrede. Simplemente ocorre así. Cando comezo a argallar unha nova historia dáme sempre por coller ese camiño, o que indica que me sinto cómodo con esas presenzas máxicas.

O máis próximo é a publicación de Tártarus, en Xerais, que se dirixe xa a un público máis ben xuvenil que infantil. Como explicarías Tártarus ós lectores? De onde saen eses mundos e eses personaxes?
Tártarus é, talvez, unha escolma de moitas das miñas teimas como lector e tamén como persoa. Na novela teñen unha presenza moi importante o relato oral, a música, a distopía, a aventura... Con todos eses elementos moi presentes creei os mundos e os personaxes descritos na historia. Tamén me apoiei para imaxinar a parte fantástica nalgunhas imaxes que vin no andar de arte contemporáneo do Museo Nacional de Cuba, na Habana, de onde case me botan por fotografar algúns cadros. 
Foi, sen dúbida, o proxecto máis exixente que afrontei até o de agora. Téñolle un cariño moi especial, porque sinto que arrinquei un cacho de min para elaborar ese texto. 
A Mastrina Xaovén, Guiomar, Átika, Fuco… estes personaxes estanche pedindo que a historia teña continuidade noutros volumes?
Si. A historia fica aberta no final do libro, e sen dúbida no futuro volverei encontrarme con todos estes personaxes para darlle unha finalización as súas aventuras. Xa teño na cabeza algún bosquexo sobre por onde quero que vaia a trama, mais teño aínda que sentar a traballar moi seriamente sobre iso. De seguro ha de ser un pracer volver ao mundo descrito en Tártarus.
E en primavera veremos nas librarías O Capitán Maimiño, unha volta aos contos tradicionais pero cunha visión moi particular dos valores que se soen resaltar nas historias de reis e guerras.
Unha versión completamente tola deses contos, si. Gocei moitísimo coa escrita de O Capitán Maimiño. É unha historia moi divertida, ao meu ver. Está chea dun humor moi absurdo, que coido que conectará ben coa rapazada. Polo menos esa é a miña esperanza. Trata sobre un famoso guerreiro que ten perfectamente planificada a vida dos seus fillos, un rapaz chamado Belleco e unha rapaza chamada Chinchanamoca. Pola contra, nin Belleco quere ser un afouto guerreiro como o seu pai, nin Chinchanamoca unha dama casadeira. Eles teñen os seus propios intereses e ambicións, e iso, claro, xerará algúns conflitos moi curiosos.

O Castañeiro de Abril é o e-book en galego máis vendido en Amazon. Ti tes ebook? Mercas ou les libros electrónicos?
Foi Xerais quen publicou esta semana que O Castañeiro era o libro dixital galego máis vendido en Amazon, algo que me deixou totalmente abraiado. Eu teño ebook. Está en algures, na miña casa, posibelmente agochado nun armario. Tocoume nun sorteo, creo lembrar. A verdade é que non o usei case nada. Nin merco nin leo libros electrónicos. Recoñezo todas as vantaxes que teñen, mais continúo instalado no fetichismo do libro de papel. Encántame compralos, lelos e despois colocalos na súa correspondente balda da biblioteca. Mentres teña sitio na casa acho que vou continuar a facelo así. 

Sendo un autor eumés: de que xeito está presente Pontedeume na túa obra?
Pois dun xeito permanente, máis ou menos directo. Por exemplo, en Xildas esa presenza é moi evidente, practicamente transcorre nun escenario que é Pontedeume disfrazado. O Castañeiro de Abril tamén ten moito, tanto en escenarios da historia como en personaxes. 
Nos libros case sempre acabo recorrendo a esa zona de confort que é o territorio da miña infancia. Axúdame a sentirme seguro, como unha boia no medio do océano. Até en Tártarus, unha historia distópica que transcorre nun contexto imaxinario, o mundo soterrado ao que chegan os protagonistas leva o nome de Nigrofe, que é un lugar da parroquia de Perbes. 

Que estás escribindo agora?
Agora estou cunha historia pensada para o público infantil que me ten moi ilusionado, pois vexo moitas posibilidades de facer algo fermoso. Está ambientada nos anos trinta, e combina espazos e acontecementos reais con outros ficticios. E hai fantasía, por suposto! Xa a teño estruturada e escribín algúns borradores de capítulos, aínda que precisa aínda un importante tempo de cocción para que vaia acadando unha forma definitiva. 
Non teño présa, así que quero ir con paso firme e tentar crear un bo libro.

“Nos libros acabo recorrendo ao territorio da miña infancia, un Pontedeume disfrazado”