“Están peor que nun cárcere, pero van seguir ata o final, ata ter unha solución”

concentraci�n en la puerta de Navantia Ferrol
|

“Están peor que nun cárcere, sen poder saír dun cuarto duns corenta metros cadrados. Falamos con eles, pero levamos desde o mércores sen poder velos, non sabemos como están. O que si sabemos é que están dispostos a seguir ata o final, ata atopar unha solución”. Así se expresaba onte pola mañá, ás portas do estaleiro de Navantia, a muller dun dos oito traballadores de Atenasa pechados desde o pasado mércores no local do comité da factoría ferrolá para esixir a readmisión do seis compañeiros despedidos así como o cumprimento das garantías de emprego asinadas en 1999 entre Navantia e a propia Atenasa e que afecta a dous deles.

Familiares e compañeiros dos despedidos de Atenasa esixen unha solución inmediata

Familiares e compañeiros dos pechados –dous dos despedidos e outros seis incluidos no ERTE pero que tamén teñen as garantías de 1999– secundaron onte unha concentración para reclamar unha solución inmediata ao problema. O presidente do comité de empresa de Atenasa, José Antonio González Naveiras, amosou a súa indignación por unha situación que se remonta ao pasado mes de outubro. Entón, a firma aplicaba un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) que, trala impugnación pola parte social, foi invalidado polo xulgado.
O 14 de xaneiro pechouse un novo ERTE de seis meses, que se está a desenvolver de forma rotatoria entre o plantel. “Nun exercicio de responsabilidade por parte do comité de empresa e cos mellores propósitos, os traballadores aceptan a medida en espera de que chegue carga de traballo que permita aos traballadores volver incoporarse ao traballo de xeito normal”, lembrou onte González Naveiras.
Uns días máis tarde a empresa decidiu despedir a seis traballadores. “Non entra en ningunha cabeza que esta decisión empresarial teña máis sentido que o de provocar tanto á parte social como aos traballadores, xa que os seis despedidos estaban dentro do acordo asinado días antes”, engadiu o presidente do comité.
Dous deles, ademais, –e ao igual que outros doce dun colectivo de 60 operarios–, teñen asinados os devanditos acordos de garantías de emprego dentro da firma principal que agora se están a incumplir, denuncian.
“O comité e traballadores de Atenasa esiximos que a dirección da empresa reconsidere a súa decisión e deixe sen efecto os despedimentos”, reivindicou González Naveiras. Tamén fixo referencia á situación que están a sufrir os oito compañeiros encerrados. “Están sendo tratados, baixo o meu punto de vista, como delincuentes, porque non poden ser visitados por ninguén, non poden ver nin ás súas mulleres nin aos seus fillos, nin poden saír  do local, e isto ten que ter unha solución rápida e urxente por parte da dirección de Navantia e Atenasa”, reclamou. Mesmo están a ter problemas, segundo manifestou un familiar, coa subministración de comida.
Desde o comité subliñouse “que imos seguir pelexando pola reincorporación dos seis compañeiros”, a pesar de que, segundo se denunciou, están a sufrir ameazas no sentido de que se non se soluciona o problema poidan botar á empresa da factoría ferrolá.
A parte social dixo non ter comunicación ningunha por parte da firma desde o pasado mércores, “pero cremos que está pechada en banda e que se nega a reincorporar aos compañeiros, en espera a que saia o xuízo –o vindeiro día 14 haberá un SMAC–. Eles, pola súa banda, seguirán coas protestas.
Esta mañá, e logo de que o domingo lles fose impedida a entrada, familiares dos pechados voltarán ao estaleiro coa intención de poder visitalos. 

“Están peor que nun cárcere, pero van seguir ata o final, ata ter unha solución”