Os Melidaos, Algarabía e Xabier Díaz, nas V Xornadas de Cultura Popular

Os Melidaos, Algarabía e Xabier Díaz, nas V Xornadas de Cultura Popular
os melidaos editaron en 2012 o disco “axudádeme a cantar”

San Sadurniño celebrará o sábado 28 de setembro unha nova edición das Xornadas de Cultura Popular Galega. Será cun programa de actividades que inclúe unha exposición de fotografías antigas, un obradoiro musical de técnicas de voz e percusión impartido por Xabier Díaz e os concertos a cargo do propio Díaz, do grupo de pandereteiras Algarabía e de Os Melidaos.
A asociación Berros do Castro encárgase de organizar esta festa, co apoio do Concello, da Deputación e da Consellería de Cultura. Celébrase na Casa da Cultura de San Sadurniño. Comezaron as xornadas no ano 2009, coa intención de promocionar, dinamizar e darlle valor á cultura popular galega. Para iso válense de tres bloques: a exposición, o curso e os concertos.
A AVV de Ribadeume é a que aporta as fotografías antigas, centradas en músicos populares, que estarán expostas. Músicos como Pedro Cupeiro ou Andrés Gómez, que foraron parte de grandes orquestras galegas, comezaron a súa carreira precisamente na banda de Ribadeume, que desapareceu en 1943. A música nos días festivos, nas procesións ou nos bailes estará presente nesta mostra.
O obradoiro deste ano céntrase nas técnicas de voz e na percusión, e estará impartido por Xabier Díaz, cantante de Nova Galega de Danza, de Berrogüetto e director e copresentador do programa “Tres peixes voando”, da Radio Galega. Nesta sesión abordará aspectos relacionados coas técnicas de pandeireta, pandeiro e pandeira, os patróns tradicionais galegos de interpretación destes instrumentos e tamén cuestións vencelladas coa relación entre as escalas modais e o repertorio tradicional. As persoas que queiran información ou inscribirse poden escribir a berrosdocastro@gmail.com para facelo.

concertos
As actuacións musicais comezarán ás oito da tarde e están abertas a todo aquel que se queira achegar. O propio Xabier Díaz será un dos protagonistas destes concertos. Ofrecerá unha escolma dos recursos aprendidos no obradoiro e fará un percorrido polo repertorio tradicional, acompañanado de canto e percusión.
Tamén se poderá gozar coa actuación do grupo de pandereteiras Algarabía, de Valdoviño, formación que nace dentro da asociación veciñal de Lago. Este grupo novel vén de gravar o seu primerio disco e do seu variado repertorio ofrecerán unha selección en San Sadurniño. Chegan como parte da aposta que se fai en cada edición pola promoción dos novos grupos que nacen en Ferrolterra.
A outra aposta musical da velada é Os Melidaos, un grupo que naceu no ano 2001 en Melide e que recolle pezas do cancioneiro tradicional, dos arquivos dos coros históricos e tamén do seu propio traballo de creación e de recollida. Teñen ás súas costas dous discos, “Que ben baila, que ben baila”, editado no ano 2009, e “Axudádeme a cantar”, que saíu á luz en 2012 e no que inclúen por primeira vez as súas voces.

Os Melidaos, Algarabía e Xabier Díaz, nas V Xornadas de Cultura Popular

Te puede interesar