Berros do Castro recupera a memoria da música popular de Ferrol, Eume e Ortegal

Berros do Castro recupera a memoria  da música popular de Ferrol, Eume e Ortegal
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-ff8d1252

Desde o ano 2008 a asociación Berros do Castro leva a cabo un constante labor de recuperación do patrimonio da música popular na comarca. O último chanzo nesa escaleira é a elaboración do traballo “Tanto encanto reunido (Un paseo gráfico-sonoro pola música popular de Ferrol, Eume e Ortegal)” (Edicións Embora), un espectacular libro-CD no que se compilan fotografías de gaiteiros, bandas e músicos da comarca desde finais do século XIX co ortegano Chumín de Céltigos ou a Banda de Música do 2º Rexemento de Infantería de Ferrol, ata finais dos anos 70 e comezos dos 80 do século XX cos ferroláns Raparigos ou os naroneses Ábregos do Couto. Un paseo dun soberbio valor etnográfico e cultural que pon en valor a memoria musical da ampla comarca de Ferrolterra.

palabra e melodía 
A maiores, Berros do Castro sumoulle á imaxe a música e canda o recordo gráfico dos artistas populares de Ferrol, Eume e Ortegal acompaña este traballo con 15 pezas do repertorio destes artistas populares, algunhas descobertas tras anos sen ser tocadas (como un pasodobre da banda Garrote de Ortigueira), e agora gravadas polo grupo e unha serie de colaboradores de prestixio. Trátase de todo tipo de ritmos e melodías: alalás, muiñeiras, jotas, valses, etc. 
Se non fose dabondo, o traballo inclúe tres pequenos prólogos. Un do propio Berros do Castro, onde resumen intencións e obxectivos con esta obra; outro do xornalista e antigo gaiteiro Xosé Varela, e un máis do prestixioso musicólogo e etnólogo Pablo Carpintero, que partindo do exemplo ferrolterrán fai una análise da evolución da música popular do país desde o século XIX ata a actualidade, comezando pola gaita que no faltaba en ningunha romaría e engadindo máis instrumentos co tempo que crearon novas formacións ao longo de máis de cen anos. 
“Tanto encanto reunido (Un paseo gráfico-sonoro pola música popular de Ferrol, Eume e Ortegal)” presentarase mañá ás 20.00 horas no lar de Toxos e Froles. Os membros de Berros do Castro, xunto con algún dos colaboradores da gravación, interpretarán ao vivo varias das pezas que se inclúen no traballo. n

Berros do Castro recupera a memoria da música popular de Ferrol, Eume e Ortegal

Te puede interesar