Fene- Demandan a continuidade da construción da rúa dos Muíños prevista dende o PXOM de 2003

Fene- Demandan a continuidade da construción da rúa dos Muíños prevista dende o PXOM de 2003

Ao menos unha comunidade de veciños de Fene xa ten solicitado mediante o correspondente escrito ante o Concello que se dea continuidade ás obras de construción da rúa dos Muíños, que permitirá finalizar o tramo previsto ata o seu entronque co vial do pazo consistorial. A iniciativa prodúcese cando se cumpren trece anos da posta en marcha do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que xa tiña contemplada a devandita actuación.
Para o colectivo veciñal, pertencente á comunidade de propietarios do edificio “Camiño Inglés”, a apertura da nova traza permitiría desconxestionar notablemente o tráfico na avenida de Fene á altura do Concello. “Sendo un vial de gran importancia como eixo vertebrador do núcleo central de Fene entre a avenida Naturais e o parque lineal do Río Cádavo, é ó mesmo tempo unha conexión fundamental coa Casa do Concello”, argumentan os veciños.

beneficios
A rúa dos Muíños non ten saída na actualidade en dirección á zona administrativa do municipio. Entre os beneficios cos que se atoparían tanto os veciños próximos como os alleos figura o feito de que a súa construción permitiría ampliar as prazas de estacionamento nun trazo urbán no que a realización de xestións que afectan á institución municipal conxestiona considerablemente o tráfico, en especial pola falta de espazos para os vehículos.
Os firmantes da proposta subliñan que contan con que outras comunidades veciñais próximas á zona e que, asememo, veríanse beneficiadas pola obra, tamén se sumen á demanda.
O colectivo confía nunha pronta resposta por parte do goberno municipal que preside o nacionalista Juventino Trigo, dado “o tempo transcorrido sen executarse este viario considerado por nós como fundamental e prioritario”.
O novo trazado a penas tería repercusión na zona arbórea posterior ós edificios, xa que estes vense afectados polo medre dalgúns exemplares, que dada a altura acadada mesmo impiden a visión dos veciños dos primeiros andares.
Do proxecto tamén se beneficiarían os establecementos comerciais e hostaleiros da zona, na que ademais se atopa un dos máis concorridos supermercados da localidade, así como negocios que, como un taller de reparación de vehículos, contribúen tamén a incrementar o trasego continuado de coches.
Os veciños aspiran a que o grupo de goberno municipal sexa sensible á súa petición e “se inicien os trámites para executar ese tramo da rúa dos Muíños”, subliñan.

Fene- Demandan a continuidade da construción da rúa dos Muíños prevista dende o PXOM de 2003

Te puede interesar