A concellería de Cultura que dirixe Suso Basterrechea organiza desde hoxe un ciclo gratuíto de catro concertos que se desenvolverá ao longo do verán en diferentes zonas da cidade pouco habituais para a programación musical. Esta proposta ábrea hoxe, baixo unha carpa na praza do Inferniño ás 21.30 horas, a banda valenciana de rap político Los Chikos del Maíz, dúo formado por Nega e Toni el Sucio, declarados marxistas e antifascistas. Nas súas letras abordan temas como o terrorismo, a monarquía, a situación laboral, desafiuzamentos, corrupción ou fútbol.
A crudeza dos seus textos enfrontounos á medios e sectores conservadores en máis dunha ocasión e incluso recibiron denuncias que os xuíces desestimaron. Levan publicados ata hoxe un total de cinco traballos discográficos desde a súa fundación en 2004. En Ferrol presentarán os temas da súa última proposta, “La estanquera de Saigón”, que veu a luz en 2014 e que inclúe textos de políticos como Pablo Iglesias ou Alberto Garzón, entre outros.