Sete centros ofrecen clases complementarias e gratuítas de inglés e francés co plan Cuale

IES Leixa clases de Ingles
|

Nun contexto no que cada vez cobra maior importancia o dominio de linguas estranxeiras de cara a facer fronte ao futuro profesional e laboral, unha das posibilidades que desde hai anos se lles presentan aos alumnos de ESO, Bacharelato e ciclos formativos vén da man do Cuale.
O programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, consiste en clases complementarias e gratuítas de inglés e francés preparatorias para as probas de certificación da Escola Oficial de Idiomas ou doutras entidades de recoñecido prestixio.
As sesións teñen lugar fóra do horario lectivo nos centros educativos que contan co devandito plan. Na comarca de Ferrolterra, no curso actual, son sete: o IES Leixa, IES Concepción Arenal e o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro –en Ferrol–; o IES Punta Candieira de Cedeira; IES de Mugardos; IES As Telleiras, de Narón; e o instituto de Ortigueira.
En todos eles a resposta por parte do alumnado é moi positiva. No Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha Piñeiro, por exemplo, completáronse os dous grupos, un de inglés e outro de francés, con 20 prazas dispoñibles cada un.
O director do centro, Fernando López, salienta estas clases como unha boa opción para mellorar a competencia lingüística dos estudantes. “Los recomendamos sobre todo para aquellos que quieren hacer las prácticas en algún país extranjero”, comenta, unha opción, por certo, pola que cada vez optan máis rapaces. “Todo lo que sea complementar la formación es bueno”, engade o responsable do CIFP ubicado en Caranza.

Leixa
O IES Leixa, pola súa banda, oferta o programa por segundo ano consecutivo, con dous grupos, un de inglés e outro de francés, con arredor de dez alumnos en cada caso. Alicia del Río e Laura López son as profesoras encargadas de impartir as clases, nas que ademais contan co apoio dunha lectora americana. “La gente viene muy motivada”, comenta Del Río.
No curso actual houbo máis demanda que no anterior, no que o instituto ofertaba o programa por primeira vez. A formación para cada modalidade organízase en tres sesións lectivas semanais, en horario de tarde. Ao final do curso entrégase a cada estudante un certificado de aproveitamento con validez para o currículo.
Tamén con varios grupos nas dúas linguas ofrécese o Cuale no IES Punta Candieira de Cedeira, do que se benefician arredor de 90 alumnos. A cifra reflicte o gran interese que estas clases gratuítas suscitan entre os estudantes do instituto cedeirés, que xa leva bastantes anos co plan. “É un programa moi positivo, dá moi bos resultados e ademais os alumnos implícanse moito”, comenta Xabier Pérez, xefe de estudos de adultos.
Xunto a estes, os IES Concepción Arenal, Mugardos, As Telleiras e Ortigueira completan a relación de institutos autorizados na comarca para impartir o Cuale, nestes casos con grupos de diferentes niveis de inglés.
O director do primeiro deles, Faustino Seco, apunta que este tipo de iniciativas consistitúen “unha oportunidade que pode ser válida”, se ben considera que debería ter unha maior difusión e quizáis tamén unha maior premura por parte da Administración á hora de convocar e organizar cada nova edición, “xa que o seu desenvolvemento depende de que haxa o profesoado suficiente ou non”, explica.

Sete centros ofrecen clases complementarias e gratuítas de inglés e francés co plan Cuale