Pintores de toda Galicia demandarán futuro para o naval en San Valentín

Pintores de toda Galicia demandarán futuro para o naval en San Valentín
RP en Sargadelos para informar de una acción artística en San Valentin

O sábado 15 de marzo será en San Valentín unha xornada de festa, acción cultural e reivindicación social. Baixo o título “Mar e ferro”, o Centro de Promoción Social do barrio e a emisora Radiofusión organizan unha iniciativa centrada na pintura na que participarán unha trintena de artistas de toda Galicia. Todos eles utilizarán os muros de varios dos bloques da zona para reflectir a súa propia visión do mundo da construción naval e do mar. Música e tamén literatura axudarán a completar o ambiente festivo nun día no que, ademais, conmemorarase o 30 aniversario da emisora de radio local, Radio Fene, que emitirá algún dos seus programas en directo desde alí. Tamén terán un espazo para que quen queira poida xantar.
Henrique Sanfiz, de Radiofusión, e Juan Miraz, do CPS San Valentín, presentaron onte a iniciativa, aínda aberta a quen se queira sumar, incluíndo artistas ou veciños que cedan espazos nas súas propiedades. “Non dubidamos en colaborar con este proxecto cando nolo propuxeron”, apuntou Miraz. “Falamos cos veciños para que nos deixen as paredes para pintar os murais e non tivemos problema. Somos todos fillos de Astano”.
Tamén tiveron unha resposta moi positiva dos pintores cos que se puxeron en contacto. “É evidente que necesitamos esa carga de traballo e unha acción destas características esperta entusiasmo entre a xente do mundo da pintura”, explicou Sanfiz. Teñen liberdade para expresarse como o desexen. A única indicación que se lles deu, dada a temática da festa, é que os murais “teñan algunha relación coa construción de barcos, co mundo do mar e dos buques”.
Durante esta xornada de “Mar e ferro” proxectarase ademais o documental “Carga de dignidade”, que se rodou en Ferrol cando se levou adiante unha iniciativa homónima que converteu o peche exterior do Arsenal nun mosaico de buzos, roupas e reivindicacións cidadás.
Os rapaces dos centros de ensino colaborarán tamén a través dun concurso do que sairán dous deseños, un de Primaria e outro de Secundaria, que se plasmarán o día 15 na rúa.
Na xornada colaboran ademais o Concello de Fene e tamén a empresa que lles cede o material pictórico.

Pintores de toda Galicia demandarán futuro para o naval en San Valentín

Te puede interesar