Reportaje | Ortegal percibe máis de 294.000 euros do fondo de compensación

As Axudas do Fondo de Compensación Ambiental que dependen da Vicepresidencia da Xunta de Galicia deixaron na zona do Ortegal achegas por valor de 365.953 euros neste ano. Estes fondos son resultado do canon eólico, que reporta unha serie de beneficios aos concellos da comunidade que teñen explotacións eólicas no seu territorio. Estas achegas deben solicitarse á administración autonómica xustificando a necesidade das mesmas en base a que teñan como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. A Xunta destinou para este fin máis de 9,5 millóns en total.
Trátase de subvencións destinadas as asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
No tocante á zona de Ortegal, o Fondo de Compensación deixou na vila de Ortigueira 176.346,10 euros e 97.665.69 na de Mañón. En Cerdido, a achega é de 20.328 euros, o xunto ás outras dúas fai un total de 294.339 euros. A maior inversión foi parar a Ortigueira, onde se subvecionou a adquisición dunha pá escavadora valorada en 100.600 euros e unha varredora autopropulsada de 75.746 euros.
O Concello xustificou a necesidade de adquirir esta nova maquinaria partindo da base de que o Concello conta cunha extensión de 21.109 hectáreas de terreo e unha poboación fixa de 6.093, que se multiplica por tres en momentos puntuais do ano como as datas do verán. A poboación local está distribuída en 22 parroquias e conta cunha rede composta por 600 quilómetros de estradas e camiños de titularidade municipal. Desde o Concello destacaron tamén que da referida extensión territorial, máis de 1.556 hectáreas, o 7,4% do espazo, atópase dentro da  rede Natura 2000. Unha extensión que podería ser maior de consolidarse a proposta de ampliación feita no ano 2011, na que a superficie protexida pasaría a ser de 2.575 hectáreas, o 12% do terreo, parte do cal está catalogado como Zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) e Zepa (Zona Especial Protección para Aves). Tamén quixeron destacar desde o consistorio ortegano que a paisaxe costeira da vila é un dos seus principais atractivos turísticos, destacando a presenza de dez prais, algunha delas de gran valor natural e paisaxístico. Dúas destas praias gozan de bandeira azul tódolos anos, como é o caso do arenal de Morouzos-Cabalar, na parroquia de Luama, que posúe unha lonxitude total de 2.000 metros e unha anchura media de 110 metros. Outra das praias que destacan por contar coa distinción de bandeira azul e a da Concha, en Espasante, que posúe unha lonxitude total aproximada de 1.000 metros e unha anchura media de 30. Outros arenais posúen gran valor natural e paisaxístico.
Tamén existen no termo municipal parques públicos e zonas verdes co fin de garantir aos veciños onde acudir para realizar actividades de lecer ó aire libre cunha quincena de propostas para disfrute dos veciños. Estas infraestruturas, que o Concello ten a obriga de manter nas mellores condicións desenvolvendo labores de limpeza, roza, sega, arranxo de mobiliario e sinalectica, do firme dos camiños, etc. presentáronse como un motivo de peso para acceder as referidas achegas da Xunta, que permitiron adquirir a pá escavadora e a varredora autopropulsada.
O Concello de Cedeira solicitou subvencións para substituir luminarias antigas por outras tipo LED, reducindo así custos de instalación e tamén empregando  lámpadas menos contaminantes. Así mesmo, froito desta liña de axudas que ascendeu a 91.941,64 euros, acometeron traballos para cubrir parcialmente os colectores do lixo. As devanditas actuacións requeriron a contratación de seis peóns, ao 90% da xornada durante catro meses, así como un técnico de ambiente ao 60% da xornada.
Na vila veciña de Mañón o Fondo de Compensación deixou 97.665 euros, que se empregaron en tarefas subvencionables relacionadas coa conservación da biodiversidade como o arranxo do alumeado na senda peonil que discorre entre o Porto do Barqueiro e o límite da provincia. Tamén se melloraron as canalizacións eléctricas e os armarios de mando e protección existentes no lugar e se acondicionaron as marxes da referida senda. Así mesmo, mellorouse o sistema de captación de agua nas parroquias de Grañas do Sor e Mañón. l

Reportaje | Ortegal percibe máis de 294.000 euros do fondo de compensación

Te puede interesar