O Concello de Mugardos convoca a oitava edición do concurso de poesía

Premios poesía Ayuntamiento de Mugardos
|

O Concello de Mugardos celebra o Día da Poesía, o 21 de marzo, coa convocatoria dun certame poético que chega á oitava edición. Desde hoxe mesmo e ata o 16 de febreiro está aberto o prazo para presentar os orixinais no Rexistro.
As bases establecen tres categorías, por idades: ata os doce anos, de 13 a 17 e os maiores de idade. O tema é libre e a lingua empregada deberá ser o galego. Fixan unha extensión dun folio DINA4, por unha cara, mecanografada a dobre espazo, cun corpo de letra 14 e encabezado co título dos poemas, que serán orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro concurso.
Os premios do certame, un en cada categoría, consistirán en vales para mercar libros. O de maiores de idade terá un valor de cen euros, mentres que o de 13 a 17 valórase en 60 e os máis pequenos accederán a un vale de 40 euros.
Os nomes dos gañadores coñeceranse nun acto público que se realizará o 21 de marzo e a entrega será nun día posterior.
O xurado incluirá entre os seus membros ó gañador da edición pasada, que non poderá concorrer á presente convocatoria. Ademais dos premios poderase facer unha mención especial se se así o consideran.

O Concello de Mugardos convoca a oitava edición do concurso de poesía