Carta aberta ao papa Francisco

Moi apreciado papa Francisco.


Coa confianza que nos dá a súa traxectoria humana e evanxélica de Papa ousamos escribirlle esta carta sobre o próximo nomeamento do bispo de Mondoñedo-Ferrol. Animados tamén polas súas mesmas palabras que nos di que non teñamos medo de exporlle aquelo que nos pareza necesario, como fieis responsábeis da Igrexa e tamén como simples cidadáns que ven nela unha institución con capacidade de contribuír neste mundo e nesta nosa comunidade á unha convivencia con xustiza e con dignidade. Reciba, pois estas nosas sinceras e humildes achegas para que vallan para escolla dun bo pastor para esta diocese.


1º) Un pequeno esbozo histórico da Galiza e da diocese a onde vai vir o próximo bispo. A Igrexa galega é herdeira dunha longa dependencia histórica desde o medievo do Reino de Castela alleo á cultura, lingua, e idiosincrasia do pobo galego. Véxase a xa reiterativa cita da orixe desta eiva como é a “castra e doma” dos reis católicos que excluíu Galiza de todo o que era propio do espírito, da vida, cultura e lingua, e dicer, do “ser” do noso pobo galego. Foron moi raros os bispos galegos nas dioceses galegas, no século XX só houbo tres nesta diocese, e un deles, que era nativo de Becerreá (Lugo), Arriba y Castro, viña de Madrid e sumouse ao golpe e á ditadura. Nos últimos 70 anos só un foi galego, Miguel Anxo Araúxo Iglesias.


2º) Temos unha experiencia bastante negativa nos nomeamentos dos bispos, moitos deles, froito do sentido piramidal da Iglesia. Houbo casos cheos de caciquismos curiais, con intereses materiais e pouco evanxélicos. Sen contar coa vergoña supina durante o nacional-catolicismo co nomeamento de pastores sometidos e colaboradores cos crimes da ditadura franquista; con algunha excepción como don Fidel García Martínez, bispo de de Calahorra; e no exilio: o cardeal de Tarragona, Vidal i Barraquer, o bispo de Vitoria, Mateo Múgica Urrestarazu e o cardeal Segura. Estes pastores aínda que monárquicos algún de pura cepa, tiveron a valentía de rachar coa criminalidade do réxime franquista. Posteriormente foi famosa a Declaración, nunha celebración solemne dos bispos vascos, na que pedía perdón polo apego a ese réxime; en Galiza debemos lembrar a confesión clara do pecado de ter apego ao réxime de Franco do bispo, Arauxo Iglesias, de grata lembranza. Houbo algún outro en España con certo arroubo de desprenderse da vasalaxe do franquismo, mais non foi quen de rachar, “vires non habebant”, non tiñan valentía. Neste aspecto en España aínda falta dar un paso de concordia da xerarquía cunha grande parte do pobo.


3º) Atrevémonos botar unha mirada á fonte dos primeiros séculos do cristianismo nos que a elección era froito da participación comunitaria. No século IV, o papa San Celestino dixo “ningún bispo imposto”, e o papa S. León «O que vai estar á fronte de todos debe ser elixido por todos»; e aínda máis radicais as palabras do Santo Padre, San Ciprián: “O pobo é quen de elixir os bispos dignos e rexeitar os indignos”. Mais aínda queda clara no Dereito Canónico a “práctica democrática”, palabra, por outra parte, rexeitada na Igrexa: “O Papa nomea libremente os bispos e confirma aqueles que foron lexitimamente elixidos» (c. 377).


4º) Somos conscientes dos seus propósitos de facer partícipe ao Pobo de Deus na pastoral da Igrexa, mais sabemos tamén dos seus problemas nas renovacións das curias. Ora ben, estes tempos, nos que lle tocou presidir como papa a Igrexa, son moi axeitados para retomar o espírito renovador de Vaticano II, como vostede mesmo di: “pasar dunha pastoral de mera conservación a unha pastoral decididamente misioneira”. Pedímoslle, pois, que esculque entre o pobo da Galiza e, en concreto, neste diocese, un bo bispo galego. Por aquí hai movementos cos que vostede pode consultar: Hoac, Cáritas, Crentes galegos, Irimia, Encrucillada, asociación de mulleres galegas Exeria, e estas mesmas organizacións lle poden indicar outros movementos de base. Non lle propomos que prescinda do protocolo que utiliza para a escolla do Pastor deste diocese mais si que lle presentamos esas consultas onde atopará lumieiras do seu gosto de vostede para abrir camiños novos por estes lares.


5º) A Igrexa diocesana de Mondoñedo-Ferrol non pode estar allea á pandemia, todo ao contrario, debe unirse aos movementos sociais e políticos, que axude a saírmos desta situación tan estraña e anime á unha solidariedade do pobo crente e non crente a dar azos de esperanza de traballo e xustiza, sobre todo para os máis pobres. Que non falte tampouco a palabra de denuncia, que vostede nos ensina, dos abusos do neoliberalismo, máquina de facer pobos e persoas pobres. Nesta diocese temos o caso de empresas nacionais e multinacionais: Alcoa, Endesa, Navantia, etc., que queren deixar, inxustamente, na rúa a centos de traballadores.


Temos ben sabido que a este papa Francisco, que é vostede, góstalle que o pobo, os cristiáns e incluso non cristiáns, lle esixan e lle propoñan estas iniciativas de corresponsabilidade cristiá; sabemos que lle gosta sentirse arroubado para dar pasos liberadores seguindo o camiño de Xesús de Nazaret.


Unha aperta fraterna nosa e de moita xente crente e non crente desta terra de Galiza.

Carta aberta ao papa Francisco

Te puede interesar