O grupo De Vacas abre esta semán no Torrente o novo ciclo “A feira do xoves”

Diario de Ferrol-2016-02-02-011-9e2f8fc6_1
|

A Concellería de Cultura de Ferrol, dirixida por Suso Basterrechea, continúa firme no seu obxectivo de dotar de contido e dinamizar a actividade desenvolvida nos espazo culturais municipais, rachando así coa infrautilización que considera se viña facendo sobre todo dalgúns deles. Desta volta, a nova proposta, desenvolvida baixo o título “A feira do xoves”, terá como escenario a capela do Torrente Ballester. Trátase, segundo o concelleiro, de recuperar o espírito de concertos de gran calidade e que escapan en certo modo das propostas máis comerciais.
O primeiro deles, previsto para este mesmo xoves, traerá á cidade naval ao grupo De Vacas, un cuarteto musical afincando en Compostela e composto por Inés, Faia e Paula (voces) e Guillerme Fernández á guitarra. As súas singulares, frescas e divertidas versións de temas desde as Spice Girls ou o Gagnam Style, están a acadar un seguimento cada vez maior entre o público.
As entradas para esta actuación, que terá lugar ás 21.00 horas, xa están á venda na billeteira do Jofre e en www.ataquilla.com. O prezo é de cinco euros.

programa
O novo programa musical continuará o primeiro xoves de marzo, día 3, coa actuación La Bien Querida e a súa música indie-pop. Neste caso, as entradas custarán oito euros.
A terceira e última das cita previstas ata o momento correrá a cargo de Random Thinking, unha banda formada polos irmáns Aurora (voz e guitarra) e Ángel Pérez (guitarra principal)  naturais de Cádiz. O seu estilo,  caracterizado pola mestura de folk e blues americano, chegará así a Ferrol dentro da xira na que están a presentar o seu disco debut –o prezo das entradas será de 5 euros–.
A estas actuacións, segundo informou Basterrechea, seguirán outras aínda por pechar, xa que o novo ciclo está proxectado para se desenvolver durante todo o ano. Basterrechea asegurou que hai “moita expectación” arredor desta nova iniciativa, afastada das propostas máis comerciais pero de gran calidade e coa participación de grupos e artistas que están chamados a converterse en referencias musicais. 
Salientou ademais que o programa contribuirá a “revitalizar o vínculo do Torrente coa cidadanía”, un obxectivo enmarcado no seu propósito de estreitar as relacións do público cos espazos culturais municipais.
Nesta liña enmárcanse algúns dos proxectos presentados pola súa área nas últimas semanas, como a celebración de concertos da Banda Ferrolá de Música no Auditorio de Caranza –o primeiro dos cales terá lugar o vindeiro 14 de febreiro cunha sesión centrada na ópera– ou a organización no centro cultural Carvalho Calero do Inferniño dunha serie de mostras de carácter didáctico –este xoves inaugúrase a da asociación Amigos do Ferrocarril–.

O grupo De Vacas abre esta semán no Torrente o novo ciclo “A feira do xoves”