Javier Gutiérrez encenderá os ánimos dos Irmandiños en Moeche

Javier Gutiérrez encenderá os ánimos dos Irmandiños en Moeche
gutiérrez, na imaxe no refuxio de caranza, colabora con diversos proxectos en ferrolterra j. meis

O actor ferrolán Javier Gutiérrez será o pregoeiro do Festival Irmandiño de Moeche, que se celebra este sábado no castelo para conmemorar as loitas dos campesiños contra os abusos feudais. Esta senlleira festa do calendario estival galego chega á súa trixésimo cuarta edición e faino cun programa que inclúe concertos pero tamén actividades complementarias durante todo o día.
Unha repichoca popular no campo do Melle abrirá a festa o venres 16, á noite. A ela están invitados músicos, bailadores e cantores que queiran gozar da noite. Hai zonas de acampada e de aparcamento gratuítos e ademais serviranse pinchos. Xa o sábado será xornada de portas abertas no castelo de Moeche, onde se programan ademais exposicións  e obradoiros para adultos e nenos. A zona de acampada dedicarase a xogos populares e, ás dez da noite comenzarán os concertos.
O cartel ábrese con Airiños dos Carrís, unha formación folclórica nacida en 1987 e que este ano participou no Festival de Ortigueira. Seguen Os Cempés, unha banda de referencia do folk galego que, desde Ferrolterra, retomou a súa actividade e sacou un novo disco, “Tentemozo”, co que encher de enerxía as festas. Os polacos Beltaine poñen a nota internacional a unha noite que se pecha coa música de McMardigans, que chegan desde Toledo tamén cunha aposta pola raíz celta.
O asalto ó castelo será a medianoite, despois da lectura do pregón a cargo de Javier Gutiérrez. Este actor é unha figura recoñecible pola súa aparición en series televisivas (sobre todo en “Águila negra”) pero desenvolve tamén a súa carreira no cine e no teatro, no que está vencellado a proxectos de Animalario e tamén conta con producións propias. Na recreación do asalto pode participar calquera persoa, aínda que a organización explica que por cuestións económicas e de seguridade o número de fachos está limitado, polo que é preciso pedilos. Daráselle prioridade a quen vaia vestido de acordo á época medieval.

exposicións
Dentro do castelo haberá unha exposición de traxes tradicionais, que abrirá ás once da mañá. Boa parte deles pertencen á colección do músico ferrolán Garrote, fundador de Terra Meiga.
Fóra, haberá obradoiros e xogos para os nenos, desde as cinco da tarde. Recibirán agasallos os que acudan ataviados de irmandiños. Unha hora despois comezarán os xogos populares. Non faltará o tiro de corda, as carreiras de zancos e de sacos ou a tronzadura. Celebraranse na zona de acampada e os gañadores recibirán vales para consumicións.
A organización informa sobre as novidades do asalto a través dunha páxina web (festivalirmandino.wordpress.com) e tamén en redes sociais (Twitter e Facebook).

Javier Gutiérrez encenderá os ánimos dos Irmandiños en Moeche

Te puede interesar