Gwendal celebra hoxe en Ortigueira os seus 40 anos sobre os escenarios

Gwendal celebra hoxe en Ortigueira os seus 40 anos sobre os escenarios
a banda de gaitas manxadoira, que regresa hoxe, animou o centro da vila ortegana

O grupo vasco Ruaille Buaille faise co Concurso Runas 2013 do Festival de Ortigueira.  O xurado, presente entre o público, optou na madrugada do venres pola proposta festiva deste grupo con importante presenza escénica. O festival afronta hoxe o seu último día de concertos nocturnos, coa presenza da banda Gwendal, que completará na vila a celebración do seu 40 aniversario nos escenarios.
O xurado, integrado polo coordinador do Festival, Alberto Balboa, un produtor musical, un representante da Escola de Gaitas de Ortigueira e dúas persoas elixidas ao azar de entre o público, decidiu que “pola súa calidade musical, a súa técnica e  a súa capacidade para fusionar músicas do arco Atlántico e levantar ao público congregado na Alameda que sexan Ruaille Buaille, os gañadores do Runas 2013”.
O concurso, xurdido no ano 2000, ten como principal obxectivo dar a coñecer a grupos folk emerxentes, tanto nacionais como internacionais. O premio consiste en formar parte do cartel da próxima edición do certame folk e unha actuación remunerada con 2.500 euros.
Trala noite prólogo do xoves, onte o Festival de Ortigueira viviu a primeira das súas noites centrais. Pisaron o escenario Estrella Galicia varios dos pesos pesados do cartel, como os irlandeses Kan e Guidewires e, por suposto, a Escola de Gaitas de Ortigueira.

un mito do folk
Hoxe, o día central da programación, emerxe como reclamo a partir das 22.00 horas a banda bretoa Gwendal, pioneira da fusión de música tradicional e rock. O grupo competirá en atractivo con propostas novas como a da macrobanda Dán, composta polos músicos das xa citadas Guidewires e Kan, ademais de Breton Quartet e a cantante Alyth McCormack. Non faltará o eclecticismo festivo dos galegos Banda Crebinsky, así como dos xaponeses Harmonica Creams.
Hoxe, ademais dos pasarrúas matinais coa Bagad Glazik Kemper e a Banda de Gaitas de Ladrido, e pola tarde con Soto Rei e Manxadoira, o programa ás 20.00 horas ofrece un concerto de Sylvain Barou Trío no Teatro de Benficencia a un prezo de 3 euros a entrada. n

Gwendal celebra hoxe en Ortigueira os seus 40 anos sobre os escenarios

Te puede interesar