Novos ataques da prensa coruñesa (XXXII)

Novos ataques da prensa coruñesa (XXXII)
Diario de Ferrol-2017-02-05-011-0b267ed1

Novembro e decembro de 1918 foran meses cunha grande tensión política polo tema da autonomía catalana. Tanto no parlamento, como no goberno, como nas rúas. O proxecto de bases que eleboraran os parlamentarios cataláns e que presentaran ao presidente do Consello de ministros García Prieto o 29 de novembro dividira o goberno entre os partidarios de negociar e os partidarios de dar largas, entres os que se encontraba o presidente, que acabou por presentar a dimisión. Alfonso XII encargoulle a Romanones, partidario de negociar, que formase novo goberno, que se constituiu o 1 de decembro. O 10 dese mes comezou no Congreso o debate do texto, defendido por Cambó. Dous dáis despois os parlamentarios cataláns non vendo clara a situación decidiron retirarse. Non obstante, a petición do propio Cambó, Romanones decidiu convocar unha comisión extraparlamentaria que redactase unha proposta de autonomía para Cataluña. Tal comisión nomeouse 27 de decembro, mais na prensa des mesmo día informábase de que as personaxes políticas que ían figurar na Comisión extraparlamentaria “recibirán hoy una carta-consulta de Romanones”. Dicíase tamén que “Además de los nombres anunciados también se consultará con Besada, cuya presencia en la Comisión verían con complacencia los regionalistas gallegos”. 
A prensa do día seguinte, 28 de decembro, sábado, daba a coñecer os nomes e entre eles aparecía Augusto González Besada.
Mais, como a nova desa posibilidade xa circulara o día anterior, El Ideal Gallego do 28, no solto “La autonomía y la ‘Irmandade’”, informaba de que esta enviara o día anterior dous telegramas e reproducía o textos dos mesmos:
“Cambó; Lerroux, Melquíades.- Nacionalistas y todos gallegos dignos conscientes escandalizados ante burla sangrienta nombramiento fabricante caciques Besada representando Galicia Comisión extraparlamentaria protestan indignados contra ceguera régimen que nos desconoce y oprime creando farsas intolerables.”
“Presidente Consejo Ministros.- Nombramiento Besada representante Galicia en Comisión extraparlamentaria autonomía, significa desconocimiento personalidad de aquel fabricante de caciques ante consciencia todos gallegos dignos y sería cosa apelar sentimientos mundo culto de prevalecer tal yerro prueba evidente persistencia vieja odiosa política anuladora de la ciudadanía gallega y causante todas ruinas España. Nombramientos tamaños son necesariamente fomentadores antipatriotismo. Esperamos del sentido patriótico de vuecencia rectifique aquella representación impopular que desagrada Galicia entera.- Peña Novo, Villar Ponte.”
A continuación destes textos, o xornal indicaba que a información os obrigaba a darlles publicidade e a transcribir eses despachos, mais facía saber que “no nos hacemos solidarios ni de su contenido en el fondo y en la forma”. Ao tempo, tras deixar claro que non eran besadistas, entendían que se Besada aceptaba un posto na Comisión confiaban en que non levaría  prexuízos senón que procuraría recoller o sentir xeral “de la región”. Ao día seguinte, domingo 29, a prensa da capital –tómoo do ABC– recollía a nova de que González Besada decidira non aceptar, segundo lle manifestara a La Correspondencia de España, porque aínda que o presidente do Consello lle dixera que á comisión levaba a súa representación persoal, entendera que non debía aceptar “porque acudirían desde luego a mi representación de intereses gallegos, y como quizá pudieran las circunstancias, en este caso, cohibirme en la libre y franca exposición de mis opiniones, he preferido declinar la designación, reservándome el exponer en las Cortes mi opinión, que en un asunto de la importancia del que nos ocupa debe ser manifestada sin cortapisas ni limitaciones y sin disimulos de ningún género”. Podería ter influído nesa decisión o feito de que algún dos destinatarios dos citados telegramas lle tivese dado conta do seu contido?
Ese mesmo domingo, a Irmandade coruñesa celebrou un mitin no Teatro Rosalía Castro, acto do que informou o diario “católico, regionalista e independiente” El Ideal Gallego, no seu número do último día do ano 1918, martes, no solto, sen asinar, “El mitin de la Irmandá”. Comezaba o artículo informativo-valorativo dando conta de que interviñeran varios oradores e de que o recinto non se enchera: “unas cuantas mujeres, muchos chiquillos, obreros y curiosos, y una representación del Ayuntamiento”. O anómimo reporteiro interpretaba que “Se trataba de enfervorizar los espíritus hacia un ideal autonómico, que, hoy por hoy, no existe, de enseñar, de aleccionar”, mais o público “frío, reservado, solo se entusiasmón con las frases en que francamente se abogó por el cambio de régimen”. Engadía que o nacionalismo se definira republicano e que os oradores abusaran da “ignorancia de la mayor parte del auditorio”, incidindo en que atacaran duramente a Besada cando, segundo o reporteiro, xa eran coñecedores de que Bsada non aceptara formar parte da comisión extraparlamentaria. O xornalista opinaba que alí se dixeran unha “porción de generalidades de brocha gorda”. Concluía a información reafirmándose no que o xornal xa dixera moitas veces: “en Galicia hay afán descentralizador; sincero regionalismo, pero ideal autonómico ‘ad usum catalanis’ no existe”. Aporta como proba que nin o comercio, nin a industria, nin a maioría do pensar galego estivera no Teatro, “ni material ni espiritualmente”.
Mais, os ataques ao acto dos irmandiños non acabou aí. Poucos días despois, o 2 de xaneiro, o xornal insertaba o solto, tamén sen sinatura, “Paradojas nacionalistas”, que comeza recordando que no manifesto que os “titulados nacionalistas gallegos” difundiran cos acordos adoptados na súa Asemblea figuraba como unha das conclusións fundamentais a accidentalidade das formas de goberno á hora de abordar o problema constituinte, acordo que se encargaron de destruír no acto do Rosalía ao “pronunciarse francamente por el régimen republicano”, estimando “incompatible la Monarquía con las aspiraciones autonomistas”.
 O anónimo articulista dicía que xa sospeitaran algo así cando, no teatro, viran que a bandeira “regional” colgaba no antepeito do palco que ocupaban o alcalde coruñés, Abad Conde, e algúns concelleiros e apuntaba tamén que esa incorporación da Irmandade ao partidismo se producira co “descontento de muchos que en ella militaban y que no quieren servir de comparsas ‘integrales’ del republicanismo local. O xornal concluía que para acabar así non había dereito a invocar o nome de Galicia “que tiene un monarquismo tradicional y actual bien probado”.
 Iso si que era unha verdade incontestable, xa que os gobernos municipais coruñeses desde ben anos atrás eran unha auténtica illa republicana nun mar monárquico.
Veremos como responderon os dirixentes da Irmandade coruñesa a eses ataques do xornal local.
 

Novos ataques da prensa coruñesa (XXXII)

Te puede interesar