Os colexios San Xoán e A Laxe de Valón triunfan no Festival de Cine Internacional ourensán

Alumnos Colexio A Laxe de Valon - Premio Cine
|

Empregaron o cine como ferramenta pedagóxica nas aulas. A través del puideron profundizar nos valores, nos recursos literarios e audiovisuais, no traballo en equipo, nas novas tecnoloxías e noutros moitos aspectos de gran interese para a aprendizaxe dos rapaces. Agora, ademais, esta aposta polo sétimo arte como recurso educativo vén de lles dar unha gran alegría.
Os colexios San Xoán de Filgueira e A Laxe de Valón coparon o protagonismo da sección escolar do 19 Festival de Cine Internacional de Ourense. O mércores viaxaron á cidade das Burgas como finalistas –o veredicto final dábase a coñecer no decurso da gala que tivo lugar no Auditorio Municipal da cidade– e regresaron como triunfadores.
O San Xoán acadou a primeira posición na categoría de Infantil e Primaria; o colexio de Valón foi segundo. O certame acadou este ano o seu maior récord de participación, cun total de 76 películas e máis de 2.000 alumnos implicados na elaboración dos traballos.
O CEIP San Xoán de Filgueira gañou o primeiro premio –de 600 euros– coa curta “Troco”, baseada nun conto a través do cal os escolares traballaron o valor de compartir.

mención
Ademais, o centro logrou unha das dúas mencións especiais outorgadas polo xurado pola calidade dos traballos presentados, que no caso do centro ferrolán se cifrou nun total de dez, os elaborados no marco do proxecto “San Xoán, de película”, desenvolvido durante o pasado curso escolar e no que estivo implicado todo o colexio.
O CEIP A Laxe de Valón, pola súa banda, alzouse co segundo premio –400 euros– grazas á curta realizada o pasado curso polos alumnos de Infantil de cinco anos coa súa tutora Patricia Martínez no marco dun traballo de aula que, a elección dos propios nenos, encontrou no cine o seu eixo central.
A partir de aí comezou a elaboración dunha peza audiovisual para a que se empregou a técnica de “stop motion” e na que todo, desde as imaxes ata os audios, así como a decoración do escenario, foi obra dos propios escolares. Baixo o título “Medusópolis 999”, nárrase a historia dunha medusa contacontos.
Onte, o centro recibía aos alumnos e á profesora cunha pancarta na que os felicitaba polo premio recibido. Tal e como comentou a propia profesora, a implicación dos nenos na elaboración da película foi total. “O cine foi o eixo que moveu todo, pero detrás hai un traballo moi grande, hai unha aprendizaxe moi forte”, comentaba onte Patricia Martínez.
Tanto o CEIP San Xoán de Filgueira como A Laxe de Valón desprazáronse o pasado mércores a Ourense para tomar parte na gala de entrega de premios. Profesores, pais e alumnos formaron parte das respectivas delegacións, que voltaron á cidade coa satisfacción de ver recoñecido o traballo desenvolvido nas súas aulas.

Os colexios San Xoán e A Laxe de Valón triunfan no Festival de Cine Internacional ourensán