Andrés Suárez abre as festas de Ferrol nas que tamén actuarán Sés, Freedonia ou El Columpio Asesino

Andrés Suárez abre as festas de Ferrol nas que tamén actuarán Sés, Freedonia ou  El Columpio Asesino
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-d439f9e6_1

“Dos 407.000 euros de orzamento anual cos que conta Festas teremos que traballar ata fin de ano co que nos deixou o anterior equipo, 180.000. Con esta austeridade obrigada no presuposto tratamos de facer unhas festas atendendo ás peticións da xente, aos diferentes gustos, e ao mundo da hostelería co obxectivo de dinamizar a cidade desde o día 21 de agosto ata o 31”. Con este recado aos seus predecesores Beatriz Sestayo, concelleira de Benestar e Festas, anunciou onte o estado dun programa que presentará definitivamente “en poucos días”. Anunciou tamén que “ante esta situación, a área de festas elaborará un informe para determinar en qué se ten gastado o orzamento de festas durante os cinco primeiros meses do ano, para clarexar o destino destas partidas”. A edil tamén informou de que “a diferenza dos anos pasados, nos que as festas se adxudicaban por trámite de urxencia e a unha empresa, nesta ocasión se fixo un chamamento a empresas de Ferrol e comarca co obxectivo de favorecer ofertas de compañías locais”. 
 
nomes e contido
Do cartel definitivo, incluído o pregoeiro (do que se barallan tres nomes), só trascendeu oficialmente que o cantautor Andrés Suárez abrirá as festas o día 21 e que outra das apostas será a da cantante María Xosé Silvar “Sés”. Non obstante, trascendeu que actuará tamén dentro do programa festivo da cidade o prestixioso grupo madrileño de soul Freedonia, un dos referentes do xénero en España, e que haberá un concerto da banda navarra de indie El Columpio Asesino, para a que se baralla como teloneiro ao grupo ferrolán Carrero Bianco. 
En canto ao contido, Sestayo adiantou que se escoitaron as demandas dos cidadáns e se fixo “o que se puido. Non puidemos traer a Kate Perry ou Mark Knopfler, como nos pediron, pero si virán cousas solicitadas”.
As prazas de España e Amboage son de momento os escenarios principais das actuacións musicais, todas elas gratuítas, aínda que segundo a edil se quere “descentralizar a oferta e levar a animación, non só musical, para outros barrios da cidade tanto pola noite como ao mediodía”.
Aínda que agora non houbo tempo e segundo a concelleira houbo que facer un traballo posibilista, “para as próximas festas de 2016 a nosa intención é a de facer un cartel con nomes internacionais, para o que imos traballar en concertos de pago con entradas anticipadas”.

Andrés Suárez abre as festas de Ferrol nas que tamén actuarán Sés, Freedonia ou El Columpio Asesino

Te puede interesar