Burgoa e Pérez Grueiro falan hoxe da Revista de Neda no Ateneo Ferrolán

Continúa no Ateneo Ferrolán un ciclo dedicado ás revistas locais e especializadas que hai na comarca co que desexan “contribuír ó coñecemento e difusión destas publicacións”. Esta tarde, ás 19.30 horas, Juan José Burgoa e Manuel Pérez Grueiro falarán sobre a Revista de Neda, que sacou á luz o seu primeiro número no ano 1998 e que desde entón non falla anualmente á súa cita coa historia da contorna.
O ciclo de charlas dedicadas ás revistas conta coa participación de responsables destas publicacións e tamén de persoas relacionadas coa cultura local. Ademais de dar a coñecer os seus últimos números, propoñen unha reflexión sobre a súa importancia de cara a coñecer o próximo, tanto en aspectos históricos como noutros máis vencellados á actualidade.
As conferencias comezaron no Ateneo o mércores 25 de febreiro, cunha sesión dedicada á revista de historia galega Murguía. Falaron Bernardo Máiz e Uxío Breogán Diéguez.
A última das charlas está prevista para o xoves 5 e terá como protagonista á revista eumesa Cátedra, unha das máis veteranas, xa que se publicou por primeira vez en marzo de 1994. O número máis recente, o vixésimo primeiro, viu a luz o setembro pasado. No Ateneo estarán, ás 19.30 horas, o historiador Eliseo Fernández e o bibliotecario Alexandre Caínzos.

Burgoa e Pérez Grueiro falan hoxe da Revista de Neda no Ateneo Ferrolán

Te puede interesar