“A ría ten unha cantidade de fangos terríbel; está moito peor do que parece”

“A ría ten unha cantidade de fangos terríbel; está moito peor do que parece”
Patrón Mayor de la Cofradía de Barallobre Carlos Rey

Un erro na composición da xunta electoral provocou que a gañadora das eleccións da confraría de pescadores de Barallobre, Elena Ponte, fora revogada pola Consellería e, polo tanto, afastada da votación do patrón maior. Así, os compoñentes da xunta xeral tiveron que elixir un substituto e foi nese intre cando apareceu o nome de Carlos Rey (Neda, 1964), quen ostentará o cargo nos vindeiros catro anos.

Cales son os problemas máis urxentes que ten hoxendía a confraría de Barallobre?
Sen dúbida, a caída dos ingresos. O principal é conseguir que todos os socios poidan levar para casa un salario digno. Desde hai moito tempo estanos custando moito que iso sexa así.

A súa homóloga de Ferrol culpa ás bateas da situación actual. Está de acordo?
Totalmente. A Consellería conta a súa versión e fala de que se puxo máis marisco á venda, pero  para o mariscador e mais para a confraría, as bateas son a ruína. Desde que se instalaron, o pósito caeu en picado, até o punto de que a metade das veces non lle gañamos nada.

Van ter que tomar decisións drásticas como en Ferrol?
Para nós este sistema é tamén insostible. Grazas que temos a depuradora, que algo axuda, mais de seguirmos así, non nos vai quedar máis remedio que entregarlle á Consellería as chaves da confraría.

Que significaría a ampliación da zona B das Pías?
Para a xente do mar é fundamental. Canta máis zona B, mellor para nós. De feito, o normal, pois trátase dunha barreira física, sería que chegara até a ponte. Agora mesmo o resto das zonas libres das Pías están esgotadas.

As obras do saneamento están en marcha e este ano conectarase parte da poboación. Cando comezará a notarse no sector marisqueiro?
Cun ano de funcionamento tiña que empezar a notarse unha melloría. O problema que ten a ría é a cantidade de lodos que ten, cada vez máis, acurralando a parte produtiva das Pías. Creo que a ría de Ferrol está moito peor do que parece.

En que medida axudarían os traballos de rexeneración?
Moito. Témolos solicitado para este ano e a finais de 2013 xa se estivo traballando nas inmediacións da ponte. Aínda así queda moito mexillón e os mariscadores que faenan na zona teñen que sacar unha capa de mexillón antes de chegar á ameixa. O problema desa zona é que aínda queda moito material da vella ponte e que fai barreira co fondo da ría. n

“A ría ten unha cantidade de fangos terríbel; está moito peor do que parece”

Te puede interesar