Carvalho Calero e o Estatuto de 1936

O pasado martes, 28 de xuño, en acto organizado pola A.S.C. Muíño do Vento, tivo lugar a proxección do documental Vieiros de esperanza, dirixido por Antón Rodríguez Fernández. Como é sabido, trátase dun traballo -que eu non dubido en cualificar de excelente- que xira ao redor da magna figura do noso ilustre paisano o doutor don Ricardo Carvalho Calero, primeiro catedrático que foi de Lingüística e Literatura Galegas da Universidade de Santiago, ademais de poeta, narrador, ensaísta, dramaturgo, orador... Este acto veu poñer o ramo ás diversas actividades que nestes últimos meses se viñeron realizando na nosa cidade en lembranza do profesor, así como de reivindicación do seu inxente labor, que sen dúbida o fan máis que merecente de ser a persoa que a Real Academia Galega designe para ser homenaxeada no Día das Letras Galegas, designación que vai ter lugar en data próxima. No transcurso do acto, alguén lembrou que nese día tiveran ou estaban tendo lugar en numerosos lugares do mundo manifestacións de todo tipo por estar declarado Día Mundial do Orgullo LGTBI, ou simplemente Día do Orgullo, dedicado a reivindicar a dignidade de todas as persoas, independentemente da súa condición sexual. Lembra, ademais, as primeiras protestas contra a persecución policial aos homosexuais que acudían ao bar neoiorquino Stonewall Inn, iniciadas o 28 de xuño de 1969. E houbo tamén quen recordou -o doutor Bernardo Máiz, caro amigo desde a infancia- a importancia do día, xa que se estaba cumprir o octoxésimo aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, xa que este tivera lugar o 28 de xuño de 1936, cunha participación de case o 75% e un número de votos favorables do 99.24%. Tanto pola importancia que este suceso tivo para a consideración oficial de Galicia en tempos aínda recentes como porque Carvalho Calero tivo unha participación nesa conquista autonómica tan relevante como pouco coñecida, é polo que decidín dedicarlle estas liñas ao estatuto e ao meu querido e lembrado profesor e amigo. Don Ricardo Carvalho, xunto con Lois Tobío –neses momentos profesor da Universidade e director da sección de “Ciencias xurídicas e sociaes”– foi redactor da proposta de Anteproyeito de Estatuto da Galiza do Seminario de Estudos Galegos, asinada por eles mesmos, Vicente Risco, Valentín Paz Andrade e Alexandre Bóveda, autor este, ademais, do estudo económico previo, que foi presentada, xunto con outras catro, na Asamblea Pro-Estatuto constituída na Coruña o 4 de xuño de 1931. Este texto comezaba: “Art. 1º A Galiza é un Estado libre drento da Repúbrica Federal Española”. Cando se aprobou o texto definitivo, o sometido a plebiscito, o profesor Carvalho non formou parte da comisión, mais si participou na elaboración do mesmo mediante emendas, algunha delas aceptada e incorporada ao texto. Pouco despois participou na creación da “Agrupación Nazonalista Independente”, que decidiu absterse nas primeiras eleccións parlamentarias republicanas do 14 de xuño por consideralas “antidemocrátecas”. Logo, xa en 1936, foi electo, por sufraxio universal directo, compromisario para a elección do presidente da República, asunto de non pouca importancia. Como tal compromisario estivo na reunión Central da Autonomía de Galicia, celebrada en Madrid o 8 de maio, para ir buscando data para celebrar o plebiscito do Estatuto, data que, o 8 de xuño, fixaría o Comité para o 28 dese mes. A partir de aí, Carvalho Calero participou en emisións radiais de propaganda (A Coruña, Lugo...) e en mitins coas principais figuras do republicanismo galego a favor do Si ao Estatuto. Após o nitidísimo triunfo da opción autonomista, o 17 de xullo a Comisión Estatutaria entregou o texto do Estatuto ao Presidente das Cortes, sendo tamén recibida en audiencia polo Presidente da República. Ao día seguinte xa sabemos o que aconteceu e don Ricardo, que estaba opositando na capital, tardou cinco anos en volver a Ferrol.

Carvalho Calero e o Estatuto de 1936

Te puede interesar