Redes pon en valor o seu pasado mariñeiro coa Festa da Cabria

Redes pon en valor o seu pasado mariñeiro coa Festa da Cabria
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A Agrupación Instrutiva de Caamouco poñerá en valor un ano máis o seu pasado mariñeiro recuperando vellas tradicións. A décimo terceira edición da Festa da Cabria prevista para este sábado en Redes permitirá aos visitantes achegarse a estas técnicas empregadas para o secado das redes e que melloraban a conservacións dos aparellos, solucionando así a falta de espazo no pequeno porto.

A organización, que conta coa colaboración do Concello de Ares, a Asociación Camiño de Artesanía e do sector da hostalería de Redes, elaborou un completo programa para toda a xornada. O obxectivo pasa por consolidar o éxito acadado en 2018, cando o evento superou todas as súas expectativas. A festa repetirá así formato, extendendo as súas propostas ao longo de todo o día.


“Polbada”
Unha das grandes novidades do ano será a celebración dunha “polbada” popular, que substituirá así á sardiñada que se viña celebrando nos últimos anos.


Amplíase así mesmo o espazo de celebración da festa máis alá da Praza do Pedregal –epicentro da mesma– coa instalación dunha exposición na rúa do Medio da localidade.

Desde a Agrupación Instrutiva animan tamén aos veciños e veciñas e visitantes a acudir á cita ataviadas con roupas mariñeiras, iniciativa implantada o pasado ano cunha boa acollida por parte do público. “A intención é darlle á Festa da Cabria un ton aínda máis tradicional, como unha volta atrás no tempo”, salientan desde a organización, que fai un chamamento para que este ano sexan aínda máis persoas as que se sumen á proposta.
Tamén se convida á poboación de Redes a decorar as súas vivendas con motivos mariñeiros. “Uns remos ao pé da porta, unha nasa nunha fiestra ou unhas redes no balcón axudarán a que a festa sexa aínda máis rechamante”, explican. Esta iniciativa, lembran, xurde a raíz do acontecido nas últimas edicións, cando algúns veciños da vila, de xeito esponténeo, decoraron as súas casas con bandeiras de sinais marítimos.
A festa arrancará ás 11.00 horas coa apertura dos

postos da feira de artesanía na praza do Pedregal. Trátase da terceira edición na que se aposta pola presenza de artesáns para animar a xornada, na que tamén haberá exhibicións de cestería e encaixe.
A esa mesma hora inaugurarase tamén a mostra “Do pincho e do bou”, comisariada por Xavier Brisset que aborda a historia da pesca fresca na provincia da Coruña e que poderá ser visitada na rúa do Medio.
Exhibicións etnográficas
Ás 11.30 horas arrancarán as exhibicións etnográficas, que comezarán co pendurado das redes na cabria infantil. Para que a representación sexa o máis fiel posible á tradición mariñeira da vila, rapazada da localidade recibirá formación para empregar “a técnica tradicional que os nosos devanceiros empregaban antano”.
Ao mediodía terá lugar o acto central, co pendurado das redes na cabria que a Agrupación ten instalada na fachada marítima da localidade. Por segundo ano consecutivo, está previsto que dúas mulleres participen tamén na tarefa, nunha clara mostra o compromiso dos organizadores na loita pola igualdade.
A festa continuará co degustación popular a base de polbo, cuxo posto estará instalado na mesma praza do Pedregal.
Os visitantes poderán marchar da festa cun retrato grazas á proposta impulsada pola mestra de pintura da Agrupación Instrutiva, Dolores Fernández, que se encargará de inmortalizar co seu talento a aqueles participantes que o desexen. A iniciativa serve para recadar fondos para a organización.
Sobre as 20.00 horas terá lugar o fin de festa cun concerto protagonizado por Fernando Barroso e Margarida Mariño, que ofrecerán unha coidada actuación para poñer o broche de ouro á cita. l

Redes pon en valor o seu pasado mariñeiro coa Festa da Cabria

Te puede interesar