O simulacro de salvamento marítimo centrou onte a atención en Barallobre

Un total de 50 efectivos participaron no exercicio que comezou ás 12.30 horas | emilio cortizas
|

Son as 12.25 horas. A Policía Local de Fene recibe a chamada dun pescador deportivo que acaba de ver un accidente na ría. Ao parecer, trátase dun choque entre dúas planadoras que acaban de bater a uns 350 metros do peirao de Barallobre. Unha testemuña fai uso do seu teléfono móbil para mandar a ubicación aproximada e informar de que na auga hai varias persoas en problemas, aínda que non pode precisar cantas.
Esta é a situación que se viviu onte en Barallobre e que formou parte dun simulacro de salvamento marítimo organizado polo Concello de Fene no que participaron preto de 50 efectivos por terra, mar e aire. Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Capitanía Marítima de Ferrol, Autoridad Portuaria, Guardia Civil, Bomberos de Ferrol coa axuda de Casaga, o 061, Protección Civil e Policía Local de Fene foron as institucións que formaron parte de dito exercicio.
Eran moitos os que se amosaban desconcertados e preocupados ao ver sobrevoar un helicóptero sobre a ribeira descoñecendo o simulacro, xa que o realismo na operación foi chave. “Levamos moito tempo preparándoo todo. O que se pretende é coordinar os medios de resposta ante accidentes deste tipo, controlar os tempos de reacción dos equipos que interveñen e dar a coñecer á poboación, en xeral, e á xente que traballa no mar, en particular, os medios e recursos dispoñibles para a súa seguridade e tranquilidade”, asegurou o axente da Policía Local fenesa encargado da coordinación da operación, Daniel Martínez.
O acto celebrouse ao mesmo tempo que comezaba a IV Festa Mariñeira, onde os asistentes puideron elexir entre 21 pratos baseados no marisco e no peixe. l

O simulacro de salvamento marítimo centrou onte a atención en Barallobre