Alumnos da cidade dialogarán hoxe sobre corrupción na fase local do III Club de Debate

Alumnos da cidade dialogarán hoxe sobre corrupción na fase local do III Club de Debate
Sesiones del Club de Debate en el Torrente

O centro cultural Carvalho Calero, situado no Ensanche A, acollerá hoxe a fase local da terceira edición do Club de Debate, unha cita promovida desde as áreas de Normalización Lingüística de oito concellos da comunidade –Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ames, Rois, Teo, O Carballiño e Carballo–.
Fomentar o uso do galego entre a mocidade, especialmente a nivel oral e en contextos formais e informais, así como a diversidade de opinións e a tolerancia, “combatendo así os prexuízos lingüísticos”, son dous dos obxectivos dun certame que este ano, ademais, celebrará tamén a gran final galega na cidade naval –o 26 de abril no Teatro Jofre–.
Catro equipos, que suman 34 alumnos, mediranse na proba de hoxe. Trátase dos integrados por estudantes de 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos institutos Leixa (10 estudantes) e do Saturnino Montojo (outros 10)así como do colexio Compañía de María, que participa con dos grupos de sete integrantes cada un. A partir do enunciado “Vivimos nun país de corrupción”, todos eles sairán á palestra para defender a posición en favor ou en contra, postura que non coñecerán ata os minutos previos ao inicio da actuación, cando se procede ao sorteo.
Tras uns minutos de cortesía para a organización dos grupos, iniciaranse os debates. Cada un disporá de tres quendas de intervención de cinco minutos cada unha, máis outra a modo de conclusión duns tres minutos. Deste xeito, en cada un dos enfrontamentos, os estudantes dialogarán e rebatirán as súas posicións arredor dun tema de moita actualidade hoxe en día.

horario e premios
A actividade desenvolverase desde as 9.15 horas ata as 16.30, cando se coñecerán os equipos gañadores e as puntuacións dos debates, o que dará paso á entrega de galardóns.
O gañador recibirá un premio de 500 euros e o finalista 300. Ademais, ámbolos dous serán os representantes do Concello de Ferrol na final galega na que tamén tomarán parte outros seis equipos das comarcas de Santiago de Compostela, de Pontevedra e do Carballiño.
Os alumnos que participan na terceira edición do Club de Debate levan desde o mes de xaneiro documentándose e preparándose para desenvolver o mellor posible as súas intervencións.
Un intenso esforzo e traballo para o que tamén contaron coa axuda dos seus profesores, que actúan como coordinadores –Victoria Mosquera (IES Leixa), Lidia Rolán (Compañía de María) e Carme Fernández (IES Saturnino Montojo).
O programa incluíu así mesmo hai dous meses, na cidade naval, unha xornada de preparación sobre as normas do certame e tamén sobre técnicas de expresión, comunicación e habilidades sociais.

Alumnos da cidade dialogarán hoxe sobre corrupción na fase local do III Club de Debate

Te puede interesar