Sabela García Fonte | “Facemos un esforzo moi grande en mostrar as diferentes caras da música clásica”

Sabela García Fonte | “Facemos un esforzo moi grande en mostrar as diferentes caras da música clásica”
Sabela García Fonte cumpre dous anos á fronte da dirección técnica de Real Filharmonía de Galicia

Hai dous anos por estas datas, o Consorcio de Santiago concluía o proceso selectivo para a provisión da plaza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia (RFG). Sabela García Fonte (Cabanas, 1979) resultou a elixida de entre os once aspirantes. Desde entón, dedica todo o seu esforzo profesional a unha “fermosa responsabilidade”, como ela mesma a define.

Nesta nova temporada, estruturada baixo o lema “En Movemento”, a orquesta voltará –vinte anos despois da última vez– a Centroeuropa para ofrecer catro concertos en Austria.

Cal é o seu cometido como directora técnica da Real Filharmonía de Galicia?

Desde a dirección técnica o que facemos é coordinar un pouco todas as áreas da orquestra. Son a responsable do persoal –50 músicos e seis de administración–. Asisto tamén nos labores artísticos do director artístico, na contratación de solistas, nalgunhas propostas, controlando tamén a programación e as cuestións económicas; en definitiva, estar en todos os asuntos para que a engranaxe da Filharmonía de Galicia siga funcionando ben.

Que balance fai destes dous anos á fronte do cargo?

O día da miña presentación hai dous anos dixen que para min era unha fermosa responsabilidade asumir este cargo. Dous anos despois segue sendo así. Foi unha aventura importante na miña vida, e sigo pensando que é unha fermosa responsabilidade porque considérome moi afortunada de traballar onde o fago, cun equipo artístico moi bo, cuns compañeiros que axudan moitísimo desde a administración a sacar todo adiante e mirando cara o futuro con optimismo. Volver a Austria a dar concertos é un logro importante e seguiremos a dar boas novas. Estamos moi ilusionados de poñernos “en movemento”.

“En movemento” é precisamente o lema da Filharmonía para a temporada deste ano.

Si, porque se trata dun programa que se adicará en parte a Beethoven polo 250 aniversario do seu nacemento e o lema está inspirado nunha frase que el tiña na porta da súa vivenda que dicía que a arte esíxenos que non paremos nunca. “En movemento” fai alusión a esa continua busca que fai falta na arte, na música.

Que salienta do programa?

Da temporada forman parte 22 programas do máis variado. Temos desde música clásica no sentido máis estrito, ata programas de música contemporánea, zarzuela, ópera, solistas marabillosos. Cada un dos concertos está feito con moito mimo. Hai ademais referencias á música clásica mais tamén a compositores contemporáneos e outros menos coñecidos. Creo que neste sentido facemos un esforzo moi grande en diversificar e mostrar as diferentes caras da música clásica, que é un campo moi amplo. Desde a dirección artística e técnica temos claro que canto máis diversa fagamos a nosa programación, aínda que sexa dentro da música clásica, máis público novo e xente nova imos atraer. Neste sentido fixemos precisamente hai dúas semanas, e como preámbulo á temporada, tres concertos en tres barrios diferentes de Santiago para chegar a ese público que non é tan habitual do Auditorio de Galicia. É difícil que alguén non se sinta interesado por algúns dos vintedous programas que compoñen a temporada.

A Real Filharmonía de Galicia abriu recentemente en Ferrol o calendario de recitais organizado pola Sociedad Filarmónica Ferrolana. Que referencias tedes do público ferrolán ante os vosos concertos?

O público ferrolán, como todos, é marabilloso; sempre nos recibe moi ben. En Ferrol tocamos no Auditorio, que é un luxo acusticamente. A colaboración coa Sociedad Filarmónica Ferrolana tamén é un luxo. A min paréceme un labor absolutamente loable o destas asociacións locais que co seu amor pola música fan posible que se celebren estes concertos. Estes pequenos axentes locais, cos que a Real Filharmonía de Galicia coopera, son os que fan posible que poidamos viaxar e vertebrar Galicia. Montse Dopico (secretaria da SFF) é unha traballadora incansable e á que temos que darlle as grazas, porque ademais sempre son facilidades para todo. Penso que o labor destes axentes é fundamental para manter o amor pola música nas cidades galegas máis pequenas.

Considera que a música clásica tería que ter maior presenza nas aulas e entre os rapaces máis novos?

Entristéceme moito que as artes non teñan presenza na educación ou cada vez teñan unha presenza máis residual. Isto dame moita pena porque creo que é un campo de desenvolvemento intelectual, social e humano indispensable para poder medrar. Creo que nese sentido estámonos equivocando botando fóra todo o campo artístico, e non me refiro só á música senón á arte en xeral, da educación, porque penso que é o que nos fai libres como persoas, o que nos fai realmente mellores persoas.

Sabela García Fonte | “Facemos un esforzo moi grande en mostrar as diferentes caras da música clásica”

Te puede interesar