Basterrechea e Leandro Lamas levan os seus cadros a San Sadurniño

Basterrechea e Leandro Lamas levan os seus cadros a San Sadurniño
Diario de Ferrol-2015-11-18-013-16cd2003

Mestre, político e artista. Tres facetas que se poden ordenar como se queira para definir a Suso Basterrechea, un ferrolán formado na pintura que despois se volcou coa escultura e que ultimamente transmite ideas valéndose do debuxo e fuxindo sempre dos adoutrinamentos. Unha escolma dos seus cadros pode visitarse ata primeiros de decembro na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño.
Máis que cadros son carteis. Por varias razóns. Primeiro polas súas dimensións próximas aos estándares do cartelismo, 110x80 centímetros; segundo, porque o soporte é o papel, e terceiro porque o seu estilo está máis na órbita visual da arte urbana e do grafito que puidéramos entender como “pintura convencional”. Froito todo das influencias recoñecidas polo propio autor do expresionismo alemán e americano e dun constante mirar a todo o que o rodea, incluso as tendencias noutros campos da arte visual como a banda deseñada ou a tatuaxe.
O autor formouse como pintor, despois deu o salto á montaxe escultórica e neste momento mostra querencia polo debuxo sen saír da contundencia do minimalismo. As obras que leva a San Sadurniño combínanse de forma acumulativa nun discurso complexo fundamentado nos textos contrapostos ás imaxes. 
A mostra cadra coa chegada ao Concello do cadro de Leandro Lamas que a partir de agora presidirá o salón de plenos. A obra é unha táboa de grande formato cargada de elementos que son, en realidade, unha alegoría do San Sadurniño visto polo artista durante o proceso creativo. O cadro quere ser representativo dun territorio comprometido co ambiente e a sustentabilidade que ten na súa veciñanza.

Basterrechea e Leandro Lamas levan os seus cadros a San Sadurniño

Te puede interesar