Os pintores Eduardo Hermida e Luis Rapela amosan ata outubro o seu credo estético no Torrente

Os pintores Eduardo Hermida e Luis Rapela amosan ata outubro o seu credo estético no Torrente
luis rapela foto jorge meis

Ás 20.00 horas de hoxe inaugúrase no Centro Torrente Ballester a exposición “Propios e alleos”, un percorrido pola obra de dous dos artistas plásticos ferroláns máis recoñecidos que poderá verse ata o próximo 4 de outubro. A planta baixa mostrará o traballo figurativo de estética pop de Eduardo Hermida mentres que na alta poderán verse obras das dúas últimas décadas de Luis Rapela que a crítica etiqueta de “informalismo abstracto”. A mostra conxunta (pero non revolta) quere ter un alto contido didáctico e así alóngase ata o comezo do curso escolar para que poida ser visitada por alumnos dos colexios da cidade. Para comezar o seu afán pedagóxico hoxe antes da inauguración, ás 19.00, os dous creadores falarán no centro cultural do contido dos seus respectivos traballos.
Para Luis Rapela, a exposición une “a dous artistas de Ferrol, un que vive e traballa aquí (Eduardo Hermida) que é o ‘propio’, e outro que traballa fóra, que son eu, o ‘alleo”. Adiantando a súa parte, Rapela informa de que o contido “inclúe traballos desde o ano 1992 ata a actualidade, algún de formato moi grande, ata de catro metros. Non é unha antoloxía, porque obra moi importante está a exporse agora mesmo en Ibiza, pero si que resume a miña estética e o meu estilo”. Sobre este, definido como infornmalismo abstracto, Rapela nin o nega nin o confirma. “Creo que é máis que iso, porque por unha banda están as formas xeométricas e por outro un xogo coa arte povera, reciclando moito material como telas ou papeis e dándolle outro sentido. Como curiosidade teño moito material sacado de mantas antigas da Marina de aquí de Ferrol”. 
Precisamente unha das salas superiores ten unha exposición de Rapela moi especial e cun nome que a identifica dentro do conxunto: “Cocina negra”. “Si, é un traballo conxunto coa miña muller, Špela Trobec. Trátase dunha mostra que non naceu para ser exposta nun principio con cousas encontradas e recicladas, desde animais mortos ata outros obxectos orgánicos ou outro tipo de materiais”.

Os pintores Eduardo Hermida e Luis Rapela amosan ata outubro o seu credo estético no Torrente

Te puede interesar