Fuco Buxán propón un coloquio no cine Dúplex arredor do filme “Longa Noite” de Eloy Enciso

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-d14c90b8
|

O cine ferrolán Dúplex estrea hoxe en carteleira a película “Longa noite”, un filme de Eloy Enciso que trata o tema da memoria histórica, a posguerra e a ditadura franquista. Co gallo da peza, a sala ferrolá deseñou dúas actividades para compartir co público opinións e impresións sobre unha peza que recibiu o premio da crítica especializada á mellor dirección en Locarno e que vén de percorrer algúns dos festivais máis importantes.

A primeira das citas terá lugar hoxe mesmo, a partir das 19.55 horas, coa proxección da película e posterior debate con dous membros da Asociación Cultural Fuco Buzán, o escritor Guillermo Ferrández, e a arqueóloga Begoña Hermida, quen desde 2007 dirixiu varias exhumacións en fosas comúns de vítimas da ditadura en diferentes puntos da comunidade galega.

O calendario de actividades continuará o vindeiro martes día 10 coa visita do propio realizador  ao cine ferrolán, que compartirá tamén o filme cos espectadores nun debate moderado polo profesor Manolo González.

Durante a posguerra española, Anxo regresa ao seu pobo no interior de Galicia. Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida. A entrega dunha carta obriga ao protagonista a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista.

Fuco Buxán propón un coloquio no cine Dúplex arredor do filme “Longa Noite” de Eloy Enciso