Centos de escolares da comarca reivindicarán o galego o 7 de maio no marco do Correlingua

Centos de escolares da comarca reivindicarán o galego o 7 de maio no marco do Correlingua
Correlingua en el Cantón

Tralo desenvolvemento das últimas edicións en Ferrol, co Cantón e o teatro Jofre como escenario das actividades, o Correlingua trasladarase este ano –ante a imposibilidade de dispoñer do devandito espazo cultural ferrolán na data desexada ao estar ocupado– ao municipio naronés.

O Pazo da Cultura acollerá pois o vindeiro 7 de maio a celebración da iniciativa desenvolvida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización en colaboración con varios Concellos, entre eles o de Ferrol e Narón.

Trátase dunha proposta de carácter lúdico-educativo coa que se pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén “a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro”, apuntan desde a organización.

Con máis forza

Un ano máis, e “con máis forza que nunca ao ver as últimas enquisas que mostran unha diminución de galegofalantes”, engaden, milleiros de rapaces voltarán ás rúas nunha docena de localidades galegas para participar na proposta, coa que tamén se pretende sensibilizar á sociedade da importancia da defensa da lingua. A falta de pechar as inscricións, na comarca de Ferrolterra xa están apuntados máis de 700 rapaces. A xornada desenvolverase desde as dez da mañá e ata as doce.

Ademais da carreira, está prevista unha sesión de xogos populares. A festa final será presentada por Xurxo Souto e contará coa actuación de Paco Nogueiras, que fará bailar a todos os cativos coas cancións do seu disco “Brinca vai!”.

Centos de escolares da comarca reivindicarán o galego o 7 de maio no marco do Correlingua

Te puede interesar