O emblemático Café Comercial, situado na glorieta de Bilbao da capital madrileña, foi durante moitos anos –ata que o seu peche obrigounos a se trasladar á cafetería Santander, onde na actualidade seguen a desenvolver as súas tertulias– o punto do encontro para un grupo de escritores e poetas galegos residentes en Madrid e unidos, ademais de pola amizade e pola literatura, polo apego á lingua e cultura da súa terra natal.
Arredor destas conversas dos que se deron en chamar Grupo Bilbao xurdiu a revista “Olga”, que, ademais de nome de muller, en galego quere dicir “pegada na neve”. Foi o recoñecido editor pontevedrés Sabino Torres –falecido o pasado mes de maio– o que hai uns dous anos poñía sobre a mesa a idea de publicar unha revista que o pasado mes de xuño vía a luz coa presentación do seu primeiro volume.
Adicada neste lanzamento á poesía de 15 poetas que forman parte do Grupo Bilbao, onte foi presentada na Casa das Palmeiras de Neda logo do seu paso pola Casa de Galicia en Madrid e en Pontevedra.
acto
O escritor nedés Vicente Araguas é o director dunha publicación integramente en galego na que Rafa Yáñez exerce de subdirector e Manuel Pereira Valcárcel como secretario. Os tres déronse cita no acto para achegar ao público asistentes os detalles dunha revista poética “pura e dura” e que representa unha firma aposta polo papel nun momento marcado pola forte irrupción das publicacións dixitais.
Segundo salientou Araguas, “é unha revista seria e rigorosa” que ademais chega para se consolidar no tempo. “Imos ter unha revista para os próximos 20 anos”, aventura. “Olga” vén a demostrar, entre outras cousas, “que fóra de Galicia, a cultura galega é moi importante”. Do momento actual da poesía galega, Araguas considera que “se están a vivir tempos moi estimulantes e interesantes”, apunta.