Máis do mesmo

|

Estes derradeiros días confirmei varias cousas que xa sabía, máis agora as podo fundamentar: Primeiro que o estado de benestar do que a UE sempre presume, esa UE socialdemócrata diferenciada dos EUA, que mira das súas cidadás en base a leis sociais, nunca existiu. Segundo a ONU perto do 23.1% das meniñas viven na pobreza en Europa e perto do 21.1% da poboación en xeral, está en risco de exclusión social, sendo as mulleres o colectivo máis afectado. Por outro lado eu tiña claro que con isto da pandemia os poderes fácticos nola ían meter dobrada de algún xeito. Fai uns días, coñecíase que o goberno galego ía pedir unha grande parte dos fondos Next-Generation para proxectos de grandes emporios, moitos deles responsábeis do Kaos medioambiental que estamos a sufrir, en consecuencia, autores tamén desta pandemia con todas os seus estragos. Para proxectos sociais, para mellorar a sanidade pública, a educación pública, as infraestruturas como por exemplo as ferroviarias, para diminuír as desigualdades, axudar a reactivar a economía dos sectores enormemente tocados pola pandemia, como a hostalaría, a cultura ou o pequeno comercio, que son sectores importantes de xeración de riqueza e emprego neste país onde non existe apenas industria, para facer unha transición ecolóxica e económica xusta, que cubra a todas por igual e que non deixe a ninguén atrás, etcétera, como din os franceses “rien de rien” ou no seu defecto as faragullas.

Porque o capitalismo for chamado como for, basease sempre no mesmo. Nos EUA a tecnoloxía, os novos avances en ciencia se fan nas universidades e centros públicos cos cartos das cidadás, mais despois os descubrimentos transfírense ao sector privado para a súa explotación. Na maior parte das principais universidades dos EUA, as grandes multinacionais yankees (farmacéuticas, novas tecnoloxías etcétera) teñen despachos nelas.

En Europa en parte é máis do mesmo. Unha parte da investigación faina as nosas universidades públicas (I+D) e despois pasase ao sector privado os achados rendíbeis economicamente claro está e por outro lado, os nosos gobernos dedícanse a dar moreiras e moreiras de cartos dos nosos impostos aos grandes sectores privados, en vez de fomentar a economía produtiva, a economía real e favorecer aos sectores menos afortunados.

En definitiva todos os grandes defensores do capitalismo en todas as súas vertentes e ao mesmo tempo anti comunistas implacábeis o que transmítennos e máis do mesmo: Neoliberalismo para o povo, comunismo para as súas empresas.

“Así como nas relixións vemos ao home escravizado polas criaturas do seu propio cerebro, na produción capitalista, vémolo escravizado polo produto do seu propio brazo”, Karl Marx

Máis do mesmo