Encontro | “Elas” abrirán as portas da Semana da Poesía Salvaxe en Ferrol

Encontro | “Elas” abrirán as portas da Semana da Poesía Salvaxe en Ferrol
Unha das actividades do programa de 2017, que levou a poesía por diferentes espazos da cidade | jorge meis

Os versos voarán libres un ano máis por moitos recunchos da cidade ferrolá co gallo da undécima edición da Semana de Poesía Salvaxe. Juan Carlos Valle “Karlotti” e Guillermo Ferrández, impulsores da iniciativa xunto a Marcos Lorenzo, rodearanse a vindeira semana, do mércores 25 ao sábado 28, de moitos outros autores dispostos a tinguir de poesía a cidade naval.

O programa comezará, desta volta, cun fermoso recital no que cinco recoñecidas poetas, agrupadas baixo o nome “ELAS”, abrirán, trala tradicional proclama político-poética ás 18.00 horas no Cantón de Molíns, o programa.
Farano ás 20.30 horas no Teatro Jofre. Sobre este escenario sonarán as voces de Iolanda Zúñiga, María Do Cebreiro, Filipa Leal, Eva Veiga e Estíbaliz Espinosa Río, “cinco poetas representativas da poesía máis potente, telúrica e enxebre que se está facendo nestes territorios atlánticos”, apuntan desde a organización.
Coa presentación de Eugenia Sanmartín e a música de Manolo Bacalhau e Cabe García, a cita constituirá “a brillante e magnífica entrada aos catro días de poesía na nosa cidade”, engaden. No decurso do acto lembrarase así mesmo a Revolución dos Cravos de Portugal.

Mercados
Esta primeira xornada abrirá paso, o xoves 26, a un segundo día con actividades en diferentes puntos da cidade. O primeiro terá lugar, a partir das 12.00 horas, nos mercados da Magdalena e Caranza, con “poesía en carne viva” con Carlos D’Adra, Víctor M. Díez, Karlotti, Alba María e Sara Marchena, Cris de la Maza, Ricardo Lado, o Grupo Poético Moraima e Eli Zeta.

As propostas continuarán ás 19.00 horas no Ateneo Ferrolán con Pia Summer e Lois Pérez para rematar cunha nova cita, a partir das 22.00 horas, na Sala Super 8, con varios convidados.

A Semana da Poesía Salvaxe continuará o venres no Mercado de Recimil, ás 12.00 horas, para seguir percorrido pola Praza do Inferniño (12.30 horas) e subirse pola tarde á lancha da ría para gozar dunha sesión marítima bañada polos poemas de Regueifeiras, Filipa Real, Montserrat Villar, Miguel Neira, Pedro Campos ou Fernando Naveiras, nunha pequena travesía na que tampouco faltará a música.

Xa de novo cos pes na terra, será o Torrente Ballester o espazo encargado de dar continuidade á actividade cun acto previsto para as 19.30 horas e que contará coa participación, entre outros, de Javier Semprún, Eduardo Fernández Gijón e Borja Semprún. Unha sesión de improvisación no Manchita Cosa, a partir das 23.30 horas, despedirá a xornada do venres.

Sesión vermú
Chegarase así ao derradeiro día de Poesía Salvaxe, que un ano máis chegará marcado pola sesión vermú e festa de peche que terá lugar na sede da Fundaçom Artábria, coa presenza, entre outros, de María de Mallou, Lucía Aldao, Manolo Bacalhau, David Trashumante, Bluiscerales, Berta Larón, Quico Cadaval, Xurxo Souto ou Roger de Flor, entre outros.
Así pois, a gozar da poesía cun acontecemento “onde a poesía ocupa o lugar natural, a rúa, a praza, alí onde se respira cada día, alí onde se talle moldea, e con ela o mundo, a vida, os soños e a loita por un mundo mellor, máis xusto”, apuntan desde a organización.

Encontro | “Elas” abrirán as portas da Semana da Poesía Salvaxe en Ferrol

Te puede interesar