Ex Alcohólicos e Asfedro colaboran na posta en marcha da Escola de Familias

Ex Alcohólicos e Asfedro colaboran na posta en marcha da Escola de Familias
Visita institucional ás instalacións de Asfedro, o pasado mes de outubro | jorge meis

A Escola Municipal de Familias comezará a funcionar en Ferrol o 15 de febreiro, coa primeira das seis sesións sobre adiccións que se levarán a cabo en colaboración coa asociación de Ex Alcohólicos e con Asfedro (Asociación Ferolana de Drogodependencias). Esta iniciativa xurdiu do Grupo de Traballo de Infancia, Familia e Adolescencia, no que están representadas nove entidades da cidade que traballan con este sector. 

As follas de inscrición están dispoñibles desde hoxe nos centros escolares e poden entregarse ata o 10 de febreiro. Tamén se pode realizar o trámite no correo prevencionasfedro@gmail.com.

As sesións realizaranse no centro de Servizos Sociais da rúa Sánchez Barcáiztegui, os días 15 e 22 de febreiro e 1, 8, 15 e 22 de marzo (seis luns consecutivos), de 17.00 a 18.30 horas.

O programa céntrase nas adiccións, repartido en catro grandes bloques: drogas legais, drogas ilegais, novas tecnoloxías –incluíndo o acceso á pornografía– e adicción ao xogo e apostas. Asfedro e Ex Alcohólicos repartiranse os dous bloques segundo as súas áreas de traballo. Son entidades “que levan anos acreditando a súa solvencia, tanto na atención aos usuarios como na formación, información e prevención das adiccións”, explica a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.

A iniciativa busca proporcionar ás familias as ferramentas necesarias para “axudalos a afrontar posibles dificultades no núcleo familiar e sensibilizar dos riscos que entrañan as adiccións”, engade a edila. O obxectivo é o de mellorar as habilidades educativas, de xestión e comunicación familiar, a través dun espazo de reflexión e intercambio de experiencias no que se abordarán tamén cuestións como os estilos educativos ou as normas e límites.

Martínez Montero valorou ademais o bo funcionamiento do grupo de traballo especializado nesta área.

Ex Alcohólicos e Asfedro colaboran na posta en marcha da Escola de Familias

Te puede interesar