Unha institución moi viva, con moitas actividades, para todo o mundo e coa que a xente se sinte moi implicada. Así define Alexandre Caínzos, o bibliotecario de Pontedeume, o espazo no que desde hai trinta anos desenvolve o seu traballo diario. A Biblioteca Municipal cumpre neste 2018 corenta anos de vida e para celebralo estase a preparar unha exposición na que se recollerá a evolución do servizo en todos estes anos.
Presentacións de libros, charlas, sesións de cine, campañas de animación á lectura forman parte ano tras ano da axenda dun espazo que segue a manter, e incluso incrementar nalgúns casos, o número de socios a pesar da competencia que cada vez máis supoñen as novas tecnoloxías para os libros en papel así como o incremento da oferta deportiva e de lecer á que co paso do tempo ten acceso a poboación.
A pesar de todo isto, os eumeses –unha poboación dunhas 8.000 persoas– seguen a visitar e participar das propostas dunha biblioteca moi insertada na sociedade.
Estatísticas
Así, segundo as estatísticas, preto de 18.000 persoas empregaron en 2017 os seus servizos ou tomaron parte nas actividades desenvolvidas. Esta é a suma dos usuarios que estiveron na sala e os que efectuaron algún préstamo, máis os que asistiron a actividades como programa de fotografía familiar, as videotecas de Nadal ou de verán, ao ciclo de cine mudo, ás presentacións de libros, conferencias, eventos relacionados con datas como as Letras Galegas ou o Día do Libro ou as campañas de animación de lectura.
Esta última, dirixida a nenos de entre 4 e 9 anos, permite cada ano descubrir a Biblioteca a moitos rapaces que logo, en moitos dos casos, queren regresar coas súas familias.
Da lectura das estatísticas, Caínzos salienta cuestións como por exemplo o mantemento no número de usuarios nos últimos anos, a gran participación do público nas actividades ou o número de socios novos, cifra que se vén situando entre os 140 e os 160 ano tras anos.
Constátase así mesmo nos últimos tempos que o número de persoas que acuden á sala (ollar o xornal, estudar, etc.) diminúe mentres que se incrementa o servizo de préstamos.
Revista “Cátedra”
Coincidindo co aniversario da Biblioteca, tamén neste 2018 celebraranse os 25 anos de “Cátedra. Revista eumesa de estudios”, publicación anual que foi argallada precisamente desde a biblioteca eumesa co obxectivo de potenciar a historia local desde o arquivo eumés.
Deste xeito, prepararase unha exposición con revistas de ámbito local que teñan que ver coa contorna e con paneis sobre a historia da publicación.