O Concurso de Piano “Cidade de Ferrol” celebrarase do 21 ó 28 de novembro no Jofre

Finalista Piano Cidade de Ferrol - Kim Kho Woon
|

O Concello convoca o XXVIII Concurso Internacional de Piano “Cidade de Ferrol”, que se celebrará no Jofre entre o 21 e o 28 de novembro deste ano. O prazo para a inscrición remata uns días antes, o 13 dese mesmo mes. As bases, dispoñibles na páxina web municipal (www.ferrol.es), no apartado Taboleiro de Anuncios, especifican a contía duns premios que reparten máis de 24.000 euros en metálico. Esta importante recompensa, ademais do prestixio acadado polo certame despois de varios anos de traxectoria, atraen ata Ferrol a ducias de intérpretes de varias nacionalidades. Ademais, a emisión vía internet de tódalas probas axuda a expandir a súa influencia por todo o mundo.
O premio Cidade de Ferrol diríxese a pianistas de entre os 16 e os 35 anos de idade. Nunha primeira proba eliminatoria tocarán todos eles durante un máximo de 35 minutos un programa de libre elección que incluirá obrigatoriamente o preludio e fuga de “O clavecín ben temperado”, de Bach, e un estudo de Chopin, Liszt, Scriabin, Rachmaninov, Debussy ou Ligeti. Os que pasen á seguinte fase disporán dun tempo límite de 50 minutos para tocar o que desexen, incluíndo unha composición dos creadores españois Albéniz, Granados ou Falla das sinaladas nas bases pola organización.
Na proba final, coa Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Enrique García Asensio, os intérpretes seleccionados deberán tocar un concerto de entre unha lista que inclúe a Mozart, Beethoven, Schumann, Chopin, Liszt, Tchaikovsky, Rachmaninov, Prokofiev e Ravel.
O gañador do premio obterá, aparte do diploma acreditativo, unha recompensa en metálico de 12.000 euros. Para o segundo clasificado destínanse 6.500, mentres que o terceiro terá 4.000. Tamén se establece un galardón ó mellor intérprete de música española, dotado con 2.000 euros, e o Premio Gregorio Baudot, para o mellor intérperte galego, se o houbese. Neste caso o premio consiste na contratación por un caché de 1.000 euros para dar un concerto organizado polo Concello.
Las bases y las novedades sobre el concurso pueden consultarse en www.pianoferrol.com. n

O Concurso de Piano “Cidade de Ferrol” celebrarase do 21 ó 28 de novembro no Jofre