Os nenos dos campamentos urbanos cantarán panxoliñas polo centro

Os nenos dos campamentos urbanos cantarán panxoliñas polo centro
Diario de Ferrol-2015-12-31-003-f40b42b9_1

Os nenos son os que con maior intensidade viven o Nadal e a eles dedícanse boa parte das actividades nestas datas, tamén como alternativa de ocio para o período vacacional. É o caso dos campamentos que se celebran en Ferrol tanto na cidade como na zona rural. Os primeiros acoden polas mañás, de 9.00 a 14.30 horas, ó Centro Cultural Carvalho Calero ou á ludoteca da praza de España. 
Unha mostra do traballo que realizan poderase ver esta mesma tarde, cando saian a cantar na rúa as panxoliñas que aprenden e ensaian polas mañás. Entre as 16.30 e as 18.30 horas pasearán polo centro, como xa fixeron de forma espontánea en días pasados. De feito, tamén estaba previsto para onte, pero a chuvia e o vento impedírono.
Os campamentos urbanos, gratuítos, están organizados pola concellería de Benestar e diríxense a rapaces entre os tres e os doce anos de idade.

en galego
Os locais veciñais de Covas e Esmelle tamén acollen un campamento no Nadal para ofrecer ós nenos das parroquias do rural as mesmas oportunidades de ocio. Neste caso a actividade ofértase a través da concellería de Normalización Lingüística e consiste en talleres de teatro adaptados a distintas idades que se desenvolven na lingua propia. 
Onte recibían a visita do edil Álvaro Montes, que destacou a importancia formativa desta ludoteca así como o fomento “de novos espazos de uso do galego”, afirmou.
O grupo de tres a seis anos traballa distintos aspectos da comunicación e das capacidades cognitivas a través de contacontos e representacións. Os maiores, de sete a catorce anos, traballan con monicreques. En total, hai trinta prazas en cada tramo de idade.
A celebración destes obradoiros suscitou un enfrontamento entre as asociacións veciñais de Covas e Esmelle e a concelleira de Benestar, Beatriz Sestayo, respecto á non organización dos mesmos e ó custe real da actividade. Finalmente foi Participación Cidadá e Normalización Lingüística quen se fixo cargo das peticións veciñais.

Os nenos dos campamentos urbanos cantarán panxoliñas polo centro

Te puede interesar