O Concello de San Sadurniño impulsa Sons na Cortiña como unha festa familiar campestre

O Concello de San Sadurniño impulsa Sons na Cortiña como unha festa familiar campestre
Pequenos e maiores poderán participar nas actividades previstas e gozar da música dos grupos que configuran o cartel

Actividades para a familia e, sobre todo, boa música. É o que propón o Concello de San Sadurniño para o vindeiro domingo coa celebración da cuarta edición de Sons na Cortiña, unha cita que o goberno local quere impulsar nesta edición como unha festa familiar campestre.
O festival, organizado desde a área de Cultura e Mocidade, conta co patrocinio da Deputación da Coruña. Xunto ás actuacións musicais, desenvolveranse tamén obradoiros de circo e de percusión con materiais de refugallo.
Na zona da Cortiña, ao pé do río Xubia, haberá así mesmo espazo para xantar de campo ou a cuberto.
O programa dará comezo ás 13.30 horas cunha sesión vermú co grupo De Ninghures, que chegará co seu repertorio tradicional moi bailable.
Durante todo o día haberá repartidos polo campo do festival unha chea de xogos circenses e de equilibrios nos que se poderá probar a habilidade en calquera momento.
Ademais, desde as 15.30 ata as 17.30 horas, ofrecerase en dúas quendas dunha hora un obradoiro de construción de instrumentos de percusión con materiais de refugallo.
Humor
Tralo remate desta actividade, o pallaso Peter Punk animará a cita co seu espectáculo “Peor imposible”, cos seus malabares e humor. Trátase da súa cuarta montaxe, caracterizada como é habitual pola participación do público.
A parte musical da tarde será cousa, en primeiro lugar (18.30 horas), do grupo para público infantil A Gramola Gominola, coa súa proposta “Cancións para desafinar”. Paco Cerdeira, Ánxelo de Xermar, Ro Muñoz e Paula Romero farán gozar ao público coa súa música desenfadada en galego para bailar a ritmo de rock, funk ou gospel.
Ás 19.45 horas, Pablo Balseiro & Los Cascarillas encargaranse de pechar a xornada musical de Sons na Cortiña cunha actuación na que non faltará o rock, o reggae e outros estilos varios.
Remate
O IV Sons na Cortiña rematará pasadas as nove do serán, pechando así unha xornada cargada de actividades na que se agarda a participación de visitantes que desexen gozar da variada programación musical e lúdica.
O Sons na Cortiña abrirá paso así, na primeira fin de semana de setembro, ao Chanfaina Lab, outra das propostas fixas xa no calendario previsto desde a Concellería de Cultura do Concello de San Sadurniño. l

O Concello de San Sadurniño impulsa Sons na Cortiña como unha festa familiar campestre

Te puede interesar