A Mostra da Camelia fala idiomas

A Mostra da Camelia fala idiomas
Mostra da Camelia en Odeon

Membros da Sociedade Internacional da Camelia que celebran estes días o seu congreso en Galicia visitaron onte a X Mostra da Camelia de Narón, na súa xornada inaugural. A comitiva chegou pasado o mediodía ó centro comercial Odeón para contemplar a cantidade, calidade e variedade dos exemplares que se cultivan no país, e que máis dunha trintena de expositores amosan ó público tamén durante o día de hoxe na Gándara. Como guía tiñan a Eusebio López, fenés que hai uns días gañou por segunda vez o premio máis importante do certame que se celebra nas Rías Baixas (e que cumpría o medio século de existencia). De feito, antes de chegar a Odeón, onde agardaba o alcalde, Xosé Manuel Blanco, pasaron pola finca desta Camelia de Ouro e alí admiraron a súa plantación. “Teño máis de 1.500 variedades”, comenta.  Afirma que ten esta paixón desde que era un neno e, mentres explicaba en inglés as características das flores expostas en Narón, falaba tamén da fraxilidade desta flor que, pola contra, ten unha planta que si é moi resistente. “Son practicamente auga pura”.
Enrique Gómez, secretario da Asociación Galega da Camelia, e tamén el cultivador desde hai anos, explicaba o coidado co que os participantes na mostra trasladaban hoxe os exemplares ata Narón. “Levantáronse de madrugada para coller a flor e colocala nunha esponxa que xa tiñan previamente mollada, para que estea continuamente recibindo humidade e tamén as vaporizan”, apunta. El ten unha plantación con 150 exemplares e apunta que o segredo para poder achegar as flores na súa floración perfecta a este tipo de citas está en ter moitas prantas. “É flor dun día pero están abrindo e pechando continuamente”, di.
A camelia introduciuse hai décadas en Galicia a través de Portugal e tamén por influencia inglesa e dos indianos e, nun principio, estaba vencellada ós pazos e a unha determinada posición social. Nas Rías Baixas foron pioneiros na súa extensión (de feito a súa mostra ten medio século de vida e alí teñen exemplares de máis de cen anos) pero o clima das Altas é incluso mellor para boa parte das variedades, xa que a camelia sofre coas altas temperaturas. “O clima galego é perfecto”, explica enrique Gómez.
Eventos como o de Narón contribúen a divulgar o seu cultivo “e a que a xente vexa que hai máis variedade que a vermella e a branca”. De feito, existe a “Cidade de Narón”, que se rexistrou hai dous anos e coa que agora se traballa para poder poñela á venda. Ademais, a presenza de expertos internacionais estende a sona de cultivadores dos galegos por todo o mundo. 
O alcalde, Xosé Manuel Blanco, agradeceu cun obsequio a presenza de Patricia Short, presidenta da International Camellia Society, e de Carmen Salinero, da Sociedad Española de la Camelia. Pola tarde entregáronse os premios nas sete categorías do concurso. A Mostra abre tamén hoxe de 10.00 a 22.00 horas. n

A Mostra da Camelia fala idiomas

Te puede interesar