Un total de quince centros da zona toman parte no concurso “Pilabot”

Un total de quince centros da zona toman parte no concurso “Pilabot”
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou onte o CEIP de Ponzos, que participa no programa | d. alexandre

Concienciar ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental que teñen as pilas. Este é o obxectivo principal de “Pilabot”, un programa impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que este curso tomarán parte 150 centros educativos galegos. Destes, quince pertencen á comarca de Ferrolterra. Precisamente na cidade naval deuse por inaugurado onte a segunda edición desta iniciativa cun acto desenvolvido no CEIP de Pazos, que recibiu a visita da conselleira Ángeles Vázquez.

O centro ferrolán é un dos primeiros nos que xa se pode empezar a recompilar pilas, baterías usadas e acumuladores. Para tal fin, o colexio recibiu uns bidóns e unhas caixas individuais nas que os escolares irán depositando o material que vaian recollendo.

Este é o segundo ano que o devandito departamento da Xunta convoca este proxecto en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec). Trátase de concienciar sobre o impacto deste tipo de materiais, xa que, tal e como apuntou a conselleira, unha soa pila de botón das antigas pode contaminar ata 600.00 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida.

Durante as próximas seis semanas, o alumnado do Ponzos, coa axuda dos seus profesores, poderá depositar as pilas e outros residuos deste tipo nos lugares habilitados no propio centro. O material entregado no marco do programa inclúe tamén carteis e “merchandising” vinculados a unha campaña que comezou onte e que se irá extendendo de forma progresiva ata o vindeiro 14 de febreiro na totalidade de centros participantes. Na edición do curso pasado recolléronse preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas.

En Ferrolterra participan tamén o Luis Vives, Recimil, Mosteiro de Caaveiro, IES Ortigueira, Santiago Apóstol, o Francisco López Estrada de Mañón, IES Mugardos, A Solaina, A Magdalena, O Ramo, San Isidro, Loyola, Jesús Maestro e San José.

Concurso

A actividade central desta segunda edición de “Pilabot” volverá ser  o concurso escolar de reciclaxe. Así, os centros competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de Galicia. A campaña prolongarase ata o 31 de marzo e os escolares e centros que consigan recuperar a maior cantidade de residuos, serán os gañadores. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúa categorías, que serán destinados á compra de material escolar e deportivo ou á organización de actividades educativas.

De forma paralela, tamén se celebrarán charlas educativas en cincuenta centros escolares para achegar información e volverá convocarse un certame de fotografía creativa –a inscrición abrirase o 17 de febreiro–.

Un total de quince centros da zona toman parte no concurso “Pilabot”

Te puede interesar