Un total de 86 debuxos foron presentados para optar a unha nova edición, a vixésimo segunda, do Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor do Concello de Fene.
A cifra supón un incremento con respecto ao ano anterior, con 60 traballos recibidos. O 60% dos que concorren nesta ocasión corresponden á categoría Curuxa (maiores de 25 anos) e o 40% restante á de Curuxa Nova (menores de 25).
O vindeiro día 29, ás 12.00 horas, terá lugar a reunión do xurado para dar a coñecer o fallo a través da web municipal e dos medios.
O mesmo estará presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e integrado pola concelleiro Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos; a secretaria municipal ou traballador/a en quen delegue, en calidade de secretaria do xurado; e polos humoristas gráficos Borja Ramón López Cotelo (gañador do primeiro premio da categoría Curuxa 2017), Andrés Simal González (gañador da Curuxa Nova) e Kiko Da Silva.