A vila de Cedeira quenta motores para a celebración do seu tradicional Samaín

A vila de Cedeira quenta motores para a celebración do seu tradicional Samaín
Os membros da Asociación Amigos do Samaín de Cedeira, Fusa Guillén e Carlos Martínez, ofreceron a charla | jorge meis

Trinta anos leva a veciñanza de Cedeira implicándose na celebración do Samaín, unha festa de orixe celta na que as almas visitan a terra para reencontrarse, por un día, cos seres queridos. En 2003, todos estes esforzos invididuais e de diferentes entidades decidiron aglutinarse arredor dunha asociación que, desde entón, impulsa a programación de cada ano.

Fusa Guillén e Carlos Martínez, dous dos integrantes da Asociación Amigos do Samaín de Cedeira, ofreceron onte na sede ferrolana de Afundación unha charla centrada nesta festividade. Fixérono no marco da iniciativa “Rutas históricas y naturales” que este curso, como novidade, oferta a Obra Social de Abanca co obxectivo de afondar no patrimonio inmaterial máis próximo: tradicións, romarías, gastronomía, etc. Ademais de achegar información sobre as orixes e desenvolvemento da data, avanzaron os detalles das propostas previstas para este ano.

Obradoiros

Estas comezarán a vindeira semana, cos obradoiros de manualidades e decoración para a festa organizados pola ANPA Picapeixe e que terán lugar entre as 16.30 e 18.30 horas na sala Áncora.

O xoves 31 será a quenda par ao espectáculo “As parábolas de Pakolas”, que terá lugar ás 17.30 horas no Auditorio municipal.

O venres, xa baixo unhas carpas instaladas no paseo da Mariña, desenvolveranse obradoiros de zonchos e pintura (a partir das 17.00 horas) para ás 19.00 horas continuar coa actuación dos títeres de cachiporra “Dona Barriga Verde”, con Larraiz Urrutzola.

As actividades darán comezo a vindeira semana para celebrar, o sábado día 2, a xornada central con obradoiros, unha merenda, certames e un “pasarrúas de pantasmas”

A xornada central da festa terá lugar ao día seguinte, o sábado 2 de novembro, cun intenso programa. Pola mañá, de 12.30 a 14.00 e de 16.00 e 16.30 horas poderán formalizarse as inscricións para a “gymkana” infantil organizada por “Aventureros en Galicia” e para A Casa do Terror, para idades ata os 15 anos.

Concurso

Pola tarde, entre as 17.00 e as 19.30 horas, haberá que presentar  as cabazas para o concurso. Ás cinco procederase tamén á saída da “gymcana” infantil para media hora máis tarde celebrarse un obradoiro de maquillaxe e unha merendola de outono a base de requeixo con mel e bola de zucre.

Desenvolverase así mesmo a actividade da Casa do Terror. Para as oito da tarde está prevista a entrega de premios e ás 20.30 horas o “Pasarúas das Pantasmas” pola zona vella.

Domingo

Na xornada do domingo aproveitarase para celebrar, no palacete municipal, o acto de presentación do libro “Viaxe ao Alén”, de Obdulia Dopico. Acompañarán á escritora Ermitas García, concelleira de Cultura; e Carlos Breixo, historiador e docente. Proxectarase ademais un audiovisual con imaxes de Álvaro Fernández Polo.

O Samaín cedeirés celebrará nesta edición trinta anos de vida. Tres décadas, como din desde a asociación, “de tallas, sustos e medos, trinta edicións de arte efímera”.

A vila de Cedeira quenta motores para a celebración do seu tradicional Samaín

Te puede interesar