Irmandades Femininas (XXIX)

Irmandades Femininas (XXIX)
Diario de Ferrol-2017-01-15-011-9dfa61da

No momento en que as Irmandades decidiron convocar a I Asemblea Nacionalista, a celebrar en Lugo, levaban constituídas algo máis de dous anos e tiñan maior ou menor presenza en trece localidades de Galicia. Seis delas formadas no propio ano da fundación (A Coruña, Santiago, Monforte, Ourense, Pontevedra e Vilalba), catro en 1917 (Ferrol, Vigo, Mondoñedo e Melide) e tres pouco antes da magna reunión (A Estrada, Vilagarcía e Betanzos). Mais había xa terreo abonado e case coas conclusións da Asemblea botaríanse a andar Irmandades en oito novas localidades (Ortigueira. Muxía, Lugo, Ferreira do Valadouro, Baiona, Arzúa, Ribadeo e Viveiro), que viñan fortalecer a presenza do nacionalismo en amplas zonas do territorio.
Sempre me chamou poderosamente a atención o feito de que non apareza ningunha muller na relación de asistentes á Asemblea de Lugo. A razón é porque non asistiran, cousa, así mesmo, curiosa, xa que o propio Manifesto aprobado na mesma -como xa se dixo en anteriores entregas- facía referencia á necesidade da igualdade de dereitos xurídicos e económicos entre homes e mulleres e xa, pouco antes, se regulara a súa participación activa na vida societaria.
Nos primeiros Estatutos dos inicialmente denominados “Os Amigos da Fala”, aprobados o 18 de maio de 1916, cando a fundación da Irmandade na Coruña, non se facía mención en ningún apartado do seu articulado ás mulleres. Mais, si a vai haber cando se modifiquen coa aprobación do Regramento o 2 de xuño de 1918 na Coruña. Neste novo “Regramento”, elaborado na Irmandade coruñesa, posteriormente asumido polo resto das localidades activas, como xa quedou apuntado, si figuran referencias explícitas á participación feminina no Capítulo II  “Dos irmáns / Seu ingreso n-a sociedade.- Direitos  e deberes”. No Art. VIII dise que “Poiden ser socios todol-os galegos -homes e mulleres- maores de 16 años, e todos aqueles que, sin ser galegos de nascimento, o sexan de corazón”. E engade:
“Co-as mulleres que ingresen n-ela, formaráse  unha seición femenina que se rexirá por si mesma nomeando de seu unha direitiva igual á da Irmandade, si ben o Persidente d’ista será común a ambas”. E no Art. IX. recóllese que “Donde non haxa Irmandade da Fala, as mulleres poiden creal-a. Dita Irmandade terá a mesma autoridade que si fora d’homes”.
Creo que non é preciso facer fincapé en que o Regulamento non se pode ler cos ollos de hoxe en día, se non cos daquel momento. Hoxe, despois de ler no artigo que unha Irmandade criada por mulleres onde non a houbese calquera diría que faltaría máis!. Mais nesa altura supuña unha consideración da muller non moi común no asociacionismo deste país. 
Pensemos en que aínda hoxe, por insólito que pareza, aínda  hai sociedades que non admiten como socias de número ás mulleres. Son socias en función de fillas, nais ou, principalmente, esposas de e non per se. Nesa liña, a ortodoxa daquela, ten lóxica que as mulleres formasen seccións femininas coas súas propias directivas, aínda que o presidente fose, común a ambas, o que o era da Irmandade, enténdase un home.
Resulta curiosa a ausencia de mulleres na Asemblea porque, cando menos na Coruña, xa había un tempo en que se viña xestando a creación dunha Irmandade feminina, feito que tería lugar poucas semanas despois de celebrada a Asemblea. A Nosa Terra, de 25 de decembro, na sección “Novas da causa”, recolle a noticia nestes termos: “Tamén o derradeiro domingo houbo xunta xeneral da ‘Irmandade Femenina’ da Cruña que conta con mais de dous centos d’axuntadas. Con fondonísimo entusiasmo elixeuse a seguinte direitiva: Conselleira, Dª Josefa Vázquez; segredaria, Dª Elvira Brabo [sic] -en realidade Bao-; vicesegredaria, Dª Teresa Chao; contadora, Dª María Balboa; tesoureira, Ermitas López; vocás: doña Micaela Chao, Dª Rosa Martínez, doña Avelina Fernández, Dª Teresa Fernández, doña María Miramontes, Dª Genoveva Casal y Dª Avelina Sardina. Ista importantísima seición feminina vense orgaizando por grupos e distritos. É unha cousa exemprar, que honra a Galicia, ás mulleres galegas  e que debe ser imitada”.
Era a posta do ramo  a unha serie de actividades realizadas por mulleres ao redor da Irmandade, iniciadas máis de ano e medio antes coa apertura dunha subscrición para dotar á organización dunha bandeira. No numero de 20 de abril de 1917, A Nosa Terra insertaba o solto “Precisamos unha bandeira / Seian as galegas quenes no la donen”. Infórmase de que un grupo de mulleres “de boa vountade e outa enxebreza” se ofreceran para abrir unha subscrición entre elas co obxectivo de xuntar fondos para adquirir unha bandeira “símbolo da nosa Hirmandade”. Indican que o xornal abre esa subscrición e publicará os nomes das “donantas”. As primeiras aportacións son de 11 mulleres, encabezadas pola “Sra. de Vilar Ponte”, que aportan un montante de 8.75 ptas. No número seguinte, de 30 de abril, aparecen unha ducia que eleva a cantidade a 20.25. No de 10 de maio, xa levan 38 pesetas e entre as doantes atopamos os nomes das Sras. Pura González de Lugrís e Eudosia Álvarez de Cabanillas e no de 20 de maio os da Sra. Carmen Díaz-Varela de Banet ou o da Srta. María Miramontes, quen tres anos máis tarde casaría con Ánxel Casal. Xa lograran 47 ptas. A subscrición continuaría aparecendo nalgún número máis do boletín e, sen maior noticia desapareceu, ata que no boletín de 10 de abril de 1918 se insertou a relación completa das  mulleres que aportaran. Finalmente a Irmandade contaría coa súa bandeira, deseñada polo ferrolán Camilo Díaz Baliño.

Irmandades Femininas (XXIX)

Te puede interesar